LA FORTALEZA DE TOVAR ACOGERÁ EL DÍA 29 DESTE MES UNA JORNADA CON DIFERENTES ACTIVIDADES PARA DAR A CONOCER EL PATRIMONIO CULTURAL DEL MUNICIPIO

A Fortaleza de Tovar acollerá o día 29 deste mes, domingo, unha xornada con diferentes actividades para dar a coñecer o patrimonio cultural do municipio. Está organizada polo Concello de Lourenzá e varias asociacións locais coa colaboración do programa Monumenta, da Xunta de Galicia.
A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, anunciou hoxe que “baixo o lema Todos cara a Tovar o domingo 29 de xuño celebraremos unha xornada de lecer, cultural e de convivencia no Pazo de Tovar co gallo de promover e divulgar o noso patrimonio con actos abertos a todos os públicos. Xunto co Concello participan na organización deste evento distintos colectivos do concello, como son a asociación cultural Osorio Gutiérrez, as seccións de ciclismo e de atletismo das Escolas Deportivas Lourenzá, a asociación de sendeirismo Terras de Lourenzá, a asociación de veciños de Santo Tomé Terras de Tovar e a asociación de comerciantes, industriais e autónomos de Lourenzá (ACIAL). Ademais contamos coa colaboración do programa Monumenta, da Xunta de Galicia, que nos achegará distintas actividades ao noso concello nesa xornada do día 29”.
A rexedora especificou que “a longo do día, dende as 11 da mañá ata as 8 da tarde, organízanse diferentes probas deportivas a cargo das distintas asociacións, que terán lugar polo val de Lourenzá e que serán sendeirismo, carreiras, bicitapeo, demostración de batuka con interacción dos asistentes, baile e música tradicional, así como unha churrascada a prezos populares. Custará 8 euros e as persoas que queiran participar deberán coller as súas entradas no Concello ou nas distintas asociacións ata o vindeiro día 23 de xuño”.
Emma Álvarez engadiu que “dentro das actividades organizadas por Monumenta destacamos un faladoiro con varios veciños sobre a memoria do castelo de Tovar e tamén de todo o territorio do noso concello. Ás dúas da tarde, dentro do programa Monumenta en concerto, actuará a asociación Osorio Gutiérrez no castelo para divulgar a tradición da música e do baile galego coa xente miúda da comarca, unha actuación das pezas recompiladas durante anos entre os nosos maiores. Ás cinco da tarde terá lugar Monumenta en escea: o grupo Fantoches presentará un espectáculo de narración oral e música en directo coa técnica xaponesa do kamishibai titulado As pombas de Carboeiro. Ás seis da tarde, dentro do apartado de cultura e gastronomía, haberá no castelo unha clase maxistral de cociña dun prato, fabas con callos, que queremos recuperar no noso concello; estará a cargo de Iago Castrillón, prestixioso cociñeiro nacido aquí, en Lourenzá. É unha oportunidade para coñecer esta receita do noso concello e desta maneira axudar a recuperar este prato tradicional. Posteriormente haberá unha degustación para que os asistentes poidan probar as fabas con callos feitas por Iago Castrillón. Así rematará o día”.
As persoas que queiran participar nesta xornada poden informarse nas oficinas municipais, no teléfono 982.12.10.06 ou tamén nas distintas asociacións que participan neste evento. “Pretendemos que haxa moita xente, que ese domingo, 29 de xuño, que ademais é o día do patrón da parroquia onde se levanta o Pazo de Tovar, haxa moita xente que se anime a participar nesta xornada de lecer e cultural para así divulgar e promover o noso patrimonio e concretamente o Pazo de Tovar”, rematou a alcaldesa.