Lourenzá, 20 de febreiro de 2013. Na charla informativa celebrada na tarde noite de onte no salón de actos da casa de cultura de Lourenzá, que contou coa asistencia de medio centenar de persoas, a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta, Encarnación Rivas, e a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicaron a importancia de solicitar todas as licenzas necesarias diante das administracións antes de facer unha obra.
Encarnación Rivas é arquitecta de profesión e funcionaria de carreira do Concello de Pontevedra, dedicou case toda a súa vida profesional ao urbanismo en distintas administracións: nos concellos de Baiona, Pontevedra ou Sanxenxo, na Deputación Provincial de Pontevedra e con distintos cargos dentro da Xunta de Galicia. Actualmente é a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e exerce as competencias da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas en materia de urbanismo e ordenación do territorio.
Para a alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, a principal conclusión da charla é que “máis vale previr que lamentar e por iso é necesario pedir licenza no Concello e noutras administracións, dependendo das afeccións sectoriais ás que poida estar suxeita a obra. Non podemos construír cada un onde nos pete e recalcouse a importancia da concentración dos núcleos de poboación a fin de poder dar servizos á cidadanía. Recoñeceu que as administracións públicas cometeron erros, de aí o pequeno porcentaxe de concellos que teñen o plan xeral de ordenación municipal aprobado, pero neste momento a Xunta está traballando baixo a premisa do consenso co obxectivo de facilitar os trámites ademais de seguir na liña de que as obras que non se axustan a normativa, ben por non ter licenza aprobada ou por non axustarse a ela, non queden impunes en detrimento daqueles outros veciños que fan as cousas correctamente”.
Emma Álvarez lembra “a importancia de adaptarse á normativa existente e sobre todo hai que ter en conta que este Concello está adherido á APLU, polo que é moi fácil que se abran novos expedientes ao marxe dos que xa ten abertos a axencia”.
A rexedora municipal rematou animando a xente a pedir licenza e “en caso de ter obras sen licenza ou sen adaptarse á mesma que soliciten a legalización para que esas construción non sigan á marxe da lei”.
Na charla estivo tamén a delegada territorial da Xunta para a provincia de Lugo, Raquel Arias.