Lourenzá, 14 de decembro de 2012. Os quince alumnos do curso de albanelería, que se levou a cabo en Lourenzá desde o 2 de outubro e que rematou onte, fixeron obras en cemiterios, fontes, barbacoas e no centro escolar.
A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que “ao abeiro dunha orden publicada pola Consellería de Traballo e Benestar do 30 de decembro de 2011, onde se establece convocatoria pública para a programación de actividades formativas dirixidas principalmente a persoas traballadoras desempregadas tivemos un curso de formación profesional para o emprego titulado Operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas. Este curso deu comezo o 2 de outubro e rematou o 13 deste mes. Tivo unha duración de 398 horas e os quince alumnos que participaron, ademais de asistir aos distintos módulos propios do curso tamén tiveron módulos de inserción laboral e de igualdade”.
Emma Álvarez salientou que “as practicas fixéronas no propio concello de Lourenzá levando a cabo varias obras de albanelería entre as que podemos destacar actuacións que se realizaron nos cemiterios de Santo Adrao e Santo Tomé, a rehabilitación da fonte de Cabrito, na parroquia de San Xorxe; a construción dunha fonte no barrio de Dodelle, na parroquia de Santa María; a adecuación de barbacoas na área da Cazolga; e tamén uns baños para discapacitados no centro escolar”.
A rexedora municipal comentou que con estas actuacións “tratamos de facer algo en cada parroquia para que todas elas saíran beneficiadas” e agradeceu aos alumnos que “traballaron moitísimo, foron exemplares e todos remataron cun aproveitamento satisfactorio dos módulos que fixeron neste curso e así todos eles obterán os diplomas precisos para acadar o seu certificado de profesionalidade”.