LOS ORGANIZADORES DE LA JORNADA TODOS CARA A TOVAR ULTIMARON LOS PREPARATIVOS DE LAS ACTIVIDADES QUE SE CELEBRARÁN ESTE DOMINGO CON ALGUNOS CAMBIOS EN LOS HORARIOS

Os organizadores da xornada Todos cara a Tovar ultimaron os preparativos das actividades que se celebrarán este domingo, día 29, para promover e difundir o Pazo de Tovar. Decidiron facer algúns cambios nos horarios dos actos respecto aos anunciados inicialmente.
A concelleira de Cultura, Lupe Flórez Seivane, explicou esta mañá que “na xornada de onte o Concello e as distintas asociacións que van colaborar na organización da xornada do vindeiro 29 de xuño Todos cara a Tovar mantivemos unha reunión para axustar pequenos detalles de última hora para a realización desa xornada de convivencia que terá lugar no entorno do Pazo de Tovar. Basicamente abordáronse os aspectos organizativos referentes á comida popular que vai ter lugar no entorno do pazo, para a cal están anotadas 300 persoas e que van facer a asociación de comerciantes e a asociación de veciños Terras de Tovar, de Santo Tomé”.
Lupe Flórez engadiu que “outro dos aspectos abordados nesa reunión foi un cambio de hora nunha das actividades desa xornada, xa que, por problemas de axenda, o cociñeiro Iago Castrillón non pode realizar a masterclass pola tarde e trasladámola á unha do mediodía. Polo tanto pola tarde reorganízanse as actividades, quedando da seguinte maneira: a batuka será ás 17:45 horas e o peche da xornada será a actividade do faladoiro, que terá lugar arredor das 7 menos cuarto da tarde”.
“Queremos animar a todas aquelas persoas que, aínda que non estean anotadas para comer, se acheguen a gozar de calquera das outras actividades que van ter lugar ao longo de toda a xornada e que teñen carácter aberto á participación de todos os que desexen asistir. Falamos da representación teatral de Fantoches Baj; tamén da exhibición interactiva de batuka, na que as participantes no curso desexan que todo o público chegue a animarse a interactuar con elas nesas coreografías; e por outra parte a actuación dos alumnos da asociación Osorio Gutiérrez, de carácter máis folclórico e tradicional”, comentou a edil de Cultura, quen tamén recordou que “vai haber unha zona dentro da área para comer habilitada para persoas maiores ou con mobilidade máis dificultosa onde van poder estar sentados, xa que se trata dunha comida campestre pero temos en conta que hai xente anotada que presenta certas dificultades e queremos facilitarlle que estea a gusto”.