NOVE ASOCIACIÓNS DE AMAS DE CASA DA PROVINCIA CELEBRARÁN UNHA XUNTANZA NO CONCELLO MAÑÁ, SÁBADO. AS PARTICIPANTES SERÁN RECIBIDAS POLA ALCALDESA, VISITARÁN O MUSEO DE ARTE SACRA E O CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA FABA PARA REMATAR CUN XANTAR

Lourenzá, 28 de xuño de 2013. Lourenzá acollerá mañá, sábado, unha xuntanza de asociacións de amas de casa da provincia, na que participarán socias de 9 colectivos. As participantes serán recibidas na Casa do Concello pola alcaldesa, Emma Álvarez Chao, e pola concelleira de Cultura, Lupe Flórez Seivane. Despois visitarán o museo de arte sacra e o Centro de Interpretación da Faba para rematar as actividades cun xantar.

A rexedora municipal anunciou hoxe o evento, que é “unha xuntanza de distintas asociacións de amas de casa que celebran o seu día provincial no no noso concello. Son as asociacións Sendeiriña, de Mondoñedo; Río Miño, de Meira; a de Ribadeo; Beiramar, de Barreiros; Praia da Marosa, de Burela; a de Bretoña; Alborada, de Cervo; Bruma de Lagostelle, de Guitiriz; e, como non, a asociación Baos, de Lourenzá”.

As actividades comezarán ás doce do mediodía cunha recepción no salón de actos da Casa do Concello de Lourenzá por parte da alcaldesa e da concelleira de Cultura. Despois está previsto que, en dúas quendas, visiten o museo de arte sacra e tamén o Centro de Interpretación da Faba para rematar ás dúas da tarde cunha comida, que se celebrará no local multiúsos que está situado no recinto feiral.

Emma Álvarez destacou “o labor que fan estas asociacións por divulgar e realzar o papel da muller sempre como ama de casa aínda que tamén traballe fóra; e tamén ese papel que desenvolven as mulleres que en exclusividade se dedican a coidar da súa casa e tamén dos seus ascendentes e descendentes”. Tamén resaltou a importancia dos colectivos de amas de casa porque “están actuando como puntos de encontro e como dinamizadoras do territorio; con esta distinta tipoloxía de mulleres que forman parte delas (rurais ou urbanas, amas de casa a tempo completo ou traballadoras que ao mesmo tempo atenden da casa) levan adiante distintos proxectos comúns, como poden ser cursiños do máis variado, excursións e mesmo xuntanzas como a que mañá se celebra no noso concello”.