Lourenzá, 1 de novembro de 2012. Os participantes na próxima edición do taller de memoria do Concello de Lourenzá mantiveron unha xuntanza para ultimar os preparativos da actividade, reunión na que estivo a alcaldesa, Emma Álvarez, quen explicou que xa é a novena edición desta iniciativa que nesta ocasión conta con 46 alumnos, que “van participar deste taller desde este mes de novembro ata xuño. Están repartidos en tres grupos que se fan tendo en conta as idades dos participantes. Impartirase os martes e os mércores a partir do vindeiro día 6 deste mes de novembro”.
Emma Álvarez anunciou tamén que “paralelamente a esta actividade haberá outras que teñen como finalidade achegar ás distintas persoas que forman parte deste taller de memoria e facelos partícipes de actividades como o Nadal, o Antroido ou incluso unha festa de fin de curso onde se mostrarán todas aquelas actividades que vaian facendo”.
Na edición pasada, como novidade, houbo unha obra de teatro que estiveron ensaiando durante todo o curso e representárona para os alumnos en xuño e agora farana aberta a todo o público en xeral o vindeiro día 1 de decembro no salón de actos do Concello.
A rexedora municipal anunciou que “a novidade deste ano é a posta en marcha dun club de lectura con todas aquelas persoas que forman parte do taller de memoria e incluso para aquelas outras que se queiran anotar. Para todos aqueles aos que lles gusta a lectura é unha maneira de poñer en común o que leron durante varios días para sacar opinións e comentalo”.
Ademais os alumnos do taller de memoria participarán en distintas charlas que se farán ao longo do ano e “tamén trataremos de organizar algunha excursión, como se fixo outros anos, aínda que neste caso teñamos que pedir a colaboración dos alumnos asistentes para sufragar os custos da viaxe”.
O taller de memoria será impartido pola educadora social Dolores Villasuso e do club de lectura encargarse a bibliotecaria María José García.