O CONCELLO AXUDARÁ NOS TRÁMITES PARA CONSTITUÍRSE COMO MONTE DE VARAS AOS PROPIETARIOS DOS TERREOS DE CANEDO AFECTADOS POLO PASO DA LIÑA ELÉCTRICA BOIMENTE-PESOZ

Lourenzá, 12 de agosto de 2013. O Concello de Lourenzá axudará nos trámites que deberán facer os propietarios de terreos de Canedo afectados polo paso da liña eléctrica Boimente-Pesoz para constituírse como monte de varas. Esta foi unha das conclusións da xuntanza organizada polo Concello na que participou a avogada Pilar Orol.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que na reunión, celebrada no salón de actos do Concello, participaron veciños de Canedo “que teñen parte nunha propiedade pro indivisa de monte afectada pola expropiación da liña de Red Eléctrica Boimente-Pesoz. Estivo con nós unha xurista, Pilar Orol, e, como víñamos pensando dende un principio, o terreo do que estamos a falar é un monte de varas. O que cabe antes de poder cobrar esa expropiación é constituírse como tal e para iso facilitámoslles as oficinas do Concello a todos aqueles veciños que teñan unha parte para canalizar toda a información a través desta xurista, que foi a quen os veciños que estaban nesta xuntanza decidiron encomendarlle a tarefa de investigar a propiedade e dar os primeiros pasos para constituírse como monte de varas”.

A rexedora municipal engadiu que “o futuro do que será este monte de varas queda por ver, aínda que na reunión apuntáronse varias ideas, que como alcaldesa considero moi positivas posto que axudarían a dinamizar a zona. Estamos a falar de montes dunha repartición do ano 1926 e tódolos propietarios que teñen unha 147ª parte neste monte pro indiviso tamén son donos de leiras de escasa mesura e que practicamente non son rendibles economicamente. O que se comentou nesta reunión foi que primeiro hai que constituírse como monte de varas e cos cartos que cobren da expropiación tratar de facer algunha concentración privada do monte naquela zona ou ben incluso poder optar a axudas públicas constituíndose nunha sociedade de fomento forestal (Sofor), algo que sería moi interesante nesta zona posto que se poñería unha ladeira de monte a producir en termos competitivos co resto de madeira que se xera na comarca”.