O CONCELLO E A DIÓCESE INSTALARON UN SISTEMA PARA ESCORRENTAR AS POMBAS DA FACHADA DA IGREXA DE SANTA MARÍA DE VALDEFLORES. DESPOIS LIMPARÁN OS EXCREMENTOS DESTAS AVES SEGUINDO AS DIRECTRICES TÉCNICAS DE PATRIMONIO

Lourenzá, 15 de outubro de 2013. O Concello de Lourenzá e a Diocese Mondoñedo-Ferrol instalaron un sistema para escorrentar as pombas da fachada da igrexa de Santa María de Valdeflores, onde despois limparán os excrementos destas aves seguindo as directrices técnicas de Patrimonio.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, anunciou hoxe que “onte colouse un equipo de son antipombas na fachada da igrexa de Santa María de Valdeflores, no mosteiro de Salvador, no Cantón da praza do Conde Santo. Este aparello consta dunha unidade de control máis dous amplificadores e dous altofalantes externos. O que fai é procesar, dalgunha maneira, sons de socorro e alarmas nun patrón completamente impredicible en intervalos de tempo e niveis de frecuencia aleatorios. Con isto trátase de manter estresadas ás aves, evítase que se acostumen aos sons e desta maneira o que se fai é escorrentalas do sitio onde estaban”.

A rexedora municipal engadiu que “este equipo están en proba durante un mes e en caso de que non funcione será recollido polo provedor. Non obstante temos que cumprir as pautas que nos mandaron para que sexa efectivo: durante unha semana hai que telo acendido de día e de noite ao máximo volume as 24 horas para que consigamos estresar ás pombas e que se vaian. Despois permite facer axustes de volume e incluso combinacións de sons e vaise poder poñelo soamente por intervalos. Entón decidiremos se se conectará de día ou de noite, a duración e incluso a situación dos sons”.

Emma Álvarez pide desculpas aos veciños porque “nesta primeira semana posiblemente nos resulte un pouco molesto este son, pero todo isto faise en aras de conservar mellor o noso patrimonio. A colocación deste equipo de son antipombas xurdiu nunha reunión que se mantivo coa Diocese, concretamente co seu ecónomo, Ramón Otero, na cal nos comprometemos ámbalas dúas partes a levar a cabo a medias a limpeza da fachada e tamén á instalación dalgún sistema para que unha vez limpa as pombas non volvan a ensuciala. Dende aquela xuntanza, que se mantivo xa no mes de outubro do ano pasado, analizáronse distintos mecanismos e diversas formas de limpeza e froito de varias reunións entre a Diocese e responsables de Patrimonio chegouse á conclusión de que este equipo era o máis efectivo, posto que noutros templos das mesmas características que este leva xa anos funcionando”.

A alcaldesa tamén explicou que “a limpeza da fachada farase posteriormente, dende que durante uns días estea funcionando este aparato e se vexa que realmente o número de pombas diminuíu. Realizarase un tratamento neutralizando as zonas horizontais da fachada da igrexa no que afecta á restos de deposicións de pombas. Farase mediante a retirada de excrementos acumulados e lavado manual con cepillos de carda dura sintéticos, non metálicos, de acordo sempre ás directrices de Patrimonio e baixo a supervisión dun técnico dese departamento”.

Álvarez Chao rematou comentando que “para facer estas dúas actuacións, tanto a instalación do equipo de son como a limpeza da fachada, a Diocese e o Concello investimos un total de 6.108 euros a partes iguais. Agardamos que dea resultado e tamén pedimos desculpas aos veciños que poidan estes días sentirse un pouco molestos polos sons que está a emitir este equipo antipombas. Para facer estes traballos, despois de consultar varios presupostos, como non podía ser doutro xeito escollemos unha empresa deste concello en aras tamén de dinamizar o comercio e a actividade económica do noso municipio”.

Declaracións da alcaldesa (MP3)