O CONCELLO MODIFICARÁ AS NORMAS URBANÍSTICAS PARA PERMITIR A CONSTRUCIÓN DE PEQUENAS EDIFICACIÓNS NOS NÚCLEOS RURAIS AO LINDE COA FINCA VECIÑA, SEN TER QUE RETRANQUEAR

Lourenzá, 26 de decembro de 2013. O Concello de Lourenzá modificará as normas urbanísticas para permitir a construción de pequenas edificacións nos núcleos rurais ao linde coa finca veciña, sen ter que retranquear. Este asunto someterase a aprobación no vindeiro pleno da corporación municipal.

Anunciouno hoxe a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, quen explicou que “o equipo de goberno do Concello de Lourenzá levamos ao vindeiro pleno unha modificación puntual das normas subsidiarias no que atinxe ao retranqueo das fincas co colindante para pequenas edificacións nos núcleos rurais. Ata o de agora as normas subsidiarias dispoñían 5 metros de retranqueo, pero a demanda veciñal estas edificacións para unha construción máxima de 50 metros cadrados, é dicir para leñeiras, garaxes ou edificacións similares, poderanse facer ao linde co veciño, como tamén así o dispón a lei 2/2010 do Solo de Galicia. Estas construcións terán unha altura máxima de 2,5 metros, que poderán incrementarse ata 3,5 metros, sempre e cando haxa o consentimento do colidante por escrito. Estas dúas medidas sempre sobre o rasante natural do terreo; ademais o punto máis alto da edificación non pode superar os 3,5 metros”.