Lourenzá, 30 de xaneiro de 2014. O Concello de Lourenzá oferta un emprego temporal para cubrir a baixa dunha técnica de educación infantil no Punto de Atención á Infancia. Anunciouno hoxe a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, quen explica que é preciso para seguir ofrecendo os servizos do PAI de 8 a 20 horas.
“Dende o Concello de Lourenzá vamos sacar unha oferta de emprego para unha técnico de educación infantil que virá a cubrir unha baixa por maternidade dunha das que temos neste momento no Punto de Atención á Infancia. En principio estaría traballando para o Concello en torno a seis meses”, manifestou a rexedora municipal.
Emma Álvarez lembra que o Punto de Atención á Infancia Meniños, de Lourenzá, “está aberto de 8 a 20 horas e neste curso aumentouse o número de alumnado, case se duplica en comparación co ano pasado, cun feito moi importante: que se lles dá de comer aos nenos a mediodía a comida que traen eles previamente feita dende as súas casas. Polo tanto para continuar dando este servizo aos usuarios decidimos cubrir esta baixa e seguir mantendo este horario amplo e por iso sacamos esta oferta dun técnico de educación infantil para traballar con nós nos meses sucesivos”.