Lourenzá, 17 de xaneiro de 2014. O Concello de Lourenzá saca a concurso a explotación do ximnasio municipal tras cesar na actividade o anterior concesionario. A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, espera que as instalacións poidan estar abertas de novo en breve con máis material e actividades.
A rexedora municipal explicou hoxe que “tras ser comunicado por parte do concesionario do ximnasio municipal o seu cese na actividade aprobamos na xunta de goberno local o prego de condicións económico administrativas para a adxudicación mediante procedemento aberto de concesión da explotación das instalacións do ximnasio municipal. O canon mínimo que sae na licitación é de 300 euros anuais nun contrato por 2 anos renovable de dous en dous ata un máximo de seis. Os interesados terán un prazo de 8 días hábiles contados dende a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia”.
Emma Álvarez engadiu que “dentro das ofertas que se reciban valoraremos a proposta económica, os prezos dos servizos, a experiencia ou o prazo de apertura, pero principalmente o proxecto de xestión presentado con actividades para dinamizar o ximnasio así como o material que poidan aportar a maiores do xa existente para o bo desenvolvemento da actividade do mesmo. Pedimos un horario mínimo de apertura de catro horas diarias de luns a venres, que entrarán en funcionamento nun prazo máximo dun mes contado dende a data na que a mesa de contratación, ao sexto día de rematar o prazo de presentación das ofertas, adxudique a concesión destas instalacións mediante a firma dun contrato co novo concesionario”.
Para rematar a alcaldesa pide “paciencia aos actuais usuarios do ximnasio municipal, que estes días non poden seguir coa súa actividade por estar pechado, xa que hai uns prazos legais e uns tempos que hai que respectar. Pero temos a esperanza de que poida abrir de novo en breve e, como en todas as renovacións, cunha ilusión reforzada para poder atender todas as necesidades dos actuais usuarios e doutros que poida haber”.
Descargar pliego de condiciones (PDF)