O DESFILE DO DOMINGO DE PIÑATA E UN DOCE TÍPICO DO CARNAVAL EN LOURENZÁ CHAMADO MAZAPÁNS SERÁN DADOS A COÑECER NO MACROENTROIDO DE GALICIA QUE SE CELEBRARÁ ESTE DOMINGO EN SANTIAGO. O MUNICIPIO LAURENTINO É O ÚNICO DA MARIÑA QUE PARTICIPARÁ NESE EVENTO

Lourenzá, 7 de febreiro de 2014. O desfile do Domingo de Piñata e un doce típico do Carnaval no municipio de Lourenzá chamado mazapáns serán dados a coñecer no Macroentroido de Galicia que se celebrará este domingo, día 9, en Santiago de Compostela. O municipio laurentino é o único da Mariña que participará nese evento, no que estarán tamén os Entroidos da Ulla, Cobres, Pobra do Brollón, Chantada, Xinzo de Limia, Manzaneda, Maceda e de Portas de Galicia.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou hoxe que “no Macroentroido que se vai realizar en Santiago unha das novidades que leva o Concello de Lourenzá son os tradicionais mazapáns, que é un produto artesanal típico do noso val que nin tan sequera é coñecido nos municipios limítrofes. Este doce non ten nada que ver cos coñecidos mazapáns da época do Nadal. Está feito con masa de fariña, fermento, ovos, azucre, manteiga e reladura de limón. Despois faise unha masa que se deixa a fermentar e posteriormente frítese. Contamos coa colaboración da pastelería Cabaleiros, de Lourenzá, para levar este doce ao Macroentroido de Santiago. E, por suposto, temos que darlle as grazas tamén á asociación de comerciantes, que nos está axudando tanto para montar o stand como para o desfile”.

A rexedora engadiu: “fixemos un vídeo no que gravamos a elaboración dos mazapáns, que vamos proxectar xunto con outro, no que se da a coñecer non só o Entroido de Lourenzá senón tamén todo o concello, a nosa gastronomía a as distintas festas. O vídeo sobre a elaboración dos mazapáns temos a intención de colgalo na páxina web do Concello para que xa non soamente os veciños de Lourenzá poidan facer este doce típico do Entroido senón que tamén o poida elaborar outra xente que lle apeteza probar algo diferente nestas festas”.