O DESFILE DO DOMINGO DE PIÑATA ORGANIZADO POLA ACIAL E O CONCELLO CAMBIARÁ O SENTIDO DO PERCORRIDO E REPARTIRÁ 4.675 EUROS EN PREMIOS. PARA PARTICIPAR É PRECISO INSCRIBIRSE NO RECINTO FEIRAL DE 12 A 15 HORAS DO DÍA 9 DE MARZO E COMEZARÁ ÁS 4 DA TARDE

Lourenzá, 14 de febreiro de 2014. O desfile do Domingo de Piñata, que é o acto principal do Entroido de Lourenzá, cambiará o sentido do percorrido aínda que irá polas mesmas rúas que en anos anteriores. Repartiranse 4.675 euros entre todos os premios que se entregarán. Celebrarase o domingo 9 de marzo e da organización encárgase a asociación de comerciantes, industriais, servizos e autónomos de Lourenzá (ACIAL) e o Concello, que presentaron os actos hoxe.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, destacou que “poñeranse a disposición das persoas que veñan disfrazadas 4.675 euros en premios, dos cales o Concello aporta 2.000 e 2.675 a asociación de comerciantes. Este desfile cada vez ten máis soleira polo que pensamos que este ano, se o tempo nos acompaña, incluso poida haber máis participación como consecuencia da presentación que fixemos o pasado domingo no Macroentroido que houbo en Santiago de Compostela”.

A rexedora municipal especificou que “destes 4.675 euros que se reparten en premios 3.375 están divididos para comparsas, charangas, carrozas, grupos de adultos, parellas e individuais, tamén de adultos. Para os participantes infantís haberá 1.250 euros, que se repartirán entre grupos, parellas e individuais. Ademais hai un premio especial para o máis chistoso, que levará 50 euros”.

Emma Álvarez tamén explicou que “como novidade este ano cambiamos o percorrido do desfile, que é de aproximadamente a mesma distancia do que se viña facendo en anos anteriores (un quilómetro e medio) e pasará polas mesmas rúas, pero cambiamos o sentido. O motivo é que había un pequeno embotellamento cando se xuntaba a cola coa cabeza do desfile. Pero tal como organizamos para este ano nunca se vai cruzar, posto que entra no Cantón, onde remata, por unha vía distinta a pola que vai circulando continuamente o tradicional desfile. A inscrición para participar poderá facerse no recinto feiral de 12 do mediodía a 3 da tarde dese mesmo día. Os que non leven o dorsal non serán puntuados, polo que animamos a que a xente se pase por Lourenzá de 12 a 15 horas e nos acompañen xa ata a hora do comezo do desfile, que será ás catro da tarde. A organización reservarse o dereito de cambiar o percorrido a última hora, se houbera algún imprevisto, ou mesmo suspender o desfile por causas de forza maior, como pode ser o tempo. Esperemos que os temporais que estes días nos están acompañando remitan para que o 9 de marzo poida facerse este desfile con total normalidade, como se ven facendo de xa hai moitos anos”.

A alcaldesa engadiu que “os premios entregaranse na Praza do Conde Santo e os gañadores teñen que recollelos ataviados co disfrace ou co dorsal co que desfilaron. Despois haberá unha actuación musical no Cantón e acabarán os actos cunha festa de disfraces”

Na presentación celebrada hoxe participaron a rexedora municipal e catro membros da directiva de ACIAL: a vicepresidenta, Marta Sánchez Seivane; o secretario, Roberto Díaz Expósito; a tesoureira, Lucía Cajoto; e a vocal Geno Blanco.