Lourenzá, 3 de decembro de 2013. O local multiusos do recinto feiral de Lourenzá foi remodelado polo Concello cunha subvención da Xunta de Galicia. A asociación de xubilados Valdeflores estreou a reforma cunha comida.
O concelleiro de Obras, Dino Vidal, explicou hoxe que “o pasado domingo a asociación local Valdeflores, formada por persoas xubiladas do noso concello e tamén dos municipios limítrofes, estreou as obras de remodelación do local multiusos do recinto feiral, que foron subvencionadas pola Consellería de Industria. Consistiron na colocación de dous toldos para cortar o frío das entradas e substituír o peche lateral de chapas onduladas por outro de carpintería de aluminio con persianas, para evitar o frío e o sol. Tamén, como mellora de obra, construíuse unha rampla de acceso ás instalacións para mellorar a accesibilidade do recinto feiral para as persoas discapacitadas. O importe desta obra ascende a 29.998,07 euros, dos cales o 75 por cento proceden da Xunta de Galicia e o resto, 7.499,52 euros, foron de fondos propios do Concello de Lourenzá”.
Ademais Dino Vidal anunciou que “a maiores, antes de que remate o ano, procederase ao arranxo de catro portas metálicas para adaptalas con apertura cara a fóra. Desta maneira podemos dicir que o Concello de Lourenzá conta cun local multiusos adaptado á normativa de accesibilidade existente, para todos os veciños e tamén para as feiras que hai os días 9 e 28 de cada mes e o Domingo da Faba, así como para outros eventos que se queiran celebrar”.