O LUNS 26 DE AGOSTO REALIZARASE A VIAXE Ó PARQUE ACUÁTICO DE CERCEDA. PODERÁN IR TANTO OS NENOS, MAIORES DE SEIS ANOS, COMO AS SÚAS FAMILIAS.

Lourenzá, 5 de agosto de 2013. O luns 26 de agosto o Concello de Lourenzá realiza a viaxe de cada ano ó parque acuático de Cerceda. Poderán ir tanto os nenos, maiores de seis anos, como as súas familias.

A viaxe, como explica a concelleira de Educación e Cultura, Lupe Flórez Seivane, “ten como novidade principal que introducimos a posibilidade de que os seus pais os poidan acompañar, xa que tradicionalmente era unha viaxe organizada para os nenos e os rapaces do Concello. Nesta ocasión queremos abrilo ás familias para que poidan gozar xuntos desa xornada no parque acuático. Polo tanto, será destinada a nenos a partir de seis anos, que poden ir acompañados polos seus pais ou outros familiares neste día”.

Flórez Seivane informou de que “o prazo de anotación para a viaxe comeza mañá, martes, e será nas oficinas municipais en horario de 8:00 a 15:00 horas. No teléfono das oficinas municipais, 982.121.006, tamén poden recibir información máis detallada. Por outra parte, como información xeral, dicir que se sairá ás 10 da mañá de Lourenzá, ese día 26 de agosto, e o regreso está previsto para as oito e media da tarde, co cal garantimos unha xornada completa de diversión no parque acuático”.

A edil tamén destacou que “o número de prazas é limitado e encheranse por rigorosa orde de inscrición, quedando condicionada a excursión a que se non se completaran as prazas do total do autobús, non se podería realizar”.