Lourenzá, 27 de decembro de 2013. O presuposto do Concello de Lourenzá para 2014 someterase a aprobación no pleno da corporación municipal que se celebrará o vindeiro luns, día 30. O proxecto que presenta o goberno local ascende a 1.690.000 euros, que son 10.000 menos que no deste ano.
Anunciouno hoxe a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, quen explicou que “o vindeiro luns, día 30, ás doce da mañá teremos pleno extraordinario no Concello de Lourenzá, onde, entre outros asuntos, someteranse a aprobación os presupostos municipais para o ano 2014, que ascenden a 1.690.000 euros. Son 10.000 euros menos que este ano e considerámolos bastante realistas, responsables, rigorosos e tamén austeros, nos que o verdadeiro obxectivo é que os nosos recursos vaian destinados a cubrir os gastos para atender as necesidades básicas dos nosos veciños e veciñas. Ademais estes presupostos enmárcanse dentro do plan de axuste 2012-2022, que foi aprobado a finais do ano 2011, onde fomentamos a redución de gastos para este período co fin de situar ao noso concello nas condicións financeiras e presupostarias necesarias para sumarse á recuperación da crise económica. Polo tanto seguiremos traballando na redución do gasto e tamén nunha estimación cada vez máis realista dos ingresos”.
A rexedora municipal especificou que no capítulo de gastos “a partida máis importante é a de persoal, que con 796.000 euros supón un 47 por cento do orzamento total; seguido por orde de magnitude de gastos correntes, que para 2014 son inferiores ao exercicio actual, pois este ano supoñían algo máis dun 26 por cento e de cara ao orzamento do vindeiro ano 2014 vamos reducilos ata chegar a un 25,5 por cen. Por áreas de gasto increméntase o destinado a servizos sociais nun 17,66 en relación a este ano, no que xa subira un 3 por cen. Situámonos así nun orzamento de 229.500 euros, que supón preto do 14 por cento do total. Desafortunadamente baixa o capítulo de inversións reais, debido en gran medida a que os orzamentos deste ano 2013 incluían unha partida destinada ás obras de musealización que foron realizadas no Pazo de Tovar. Pero, con todo e iso, ascenden a preto de 200.000 euros, que irán destinados a mellorar as infraestruturas existentes e incluso intentaremos investir en obras que nos xeren aforro, como o enerxético”.
Emma Álvarez manifestou que “o noso obxectivo é seguir traballando en proxectos produtivos que xeren ingresos económicos e postos de traballo no concello. Para iso vamos seguir apostando polo que foi clave xa durante todo este ano, que é a cooperativa comercializadora de faba de Lourenzá, que xa ten o nome de Terras da Mariña e quedará constituída no vindeiro mes de xaneiro; algo que tamén é moi importante é a xestión conxunta dos montes para o que xa se deron os primeiros pasos e o vindeiro 10 de xaneiro verase culminada xa na constitución do monte de varas de Canedo. Con este pequeno xesto o que estamos tratando de fomentar dende o Concello é que a xente se sume en proxectos comúns que traten de conseguir beneficios, mellor que ir de xeito individual pola vida”.
A alcaldesa rematou comentando que “estamos diante dun novo ano duro, os recursos son escasos e temos que traballar co pouco que temos para deixar ao Concello nunha situación de estabilidade orzamentaria e, a ser posible, tratar de xerar traballo no noso concello”.