O SALÓN DE ACTOS DA CASA DO CONCELLO ACOLLERÁ DÚAS REPRESENTACIÓNS TEATRAIS NESTE MES DE NOVEMBRO. A PRIMEIRA SERÁ ESTE VINDEIRO SÁBADO, DÍA 9, A CARGO DA COMPAÑÍA AXÓUXERES, DE VILARONTE

Lourenzá, 5 de novembro de 2013. O salón de actos da Casa do Concello de Lourenzá acollerá dúas representacións teatrais neste mes de novembro. A primeira delas será este vindeiro sábado, día 9, e correrá a cargo da compañía Axóuxeres, de Vilaronte. Anunciouno hoxe a concelleira de Cultura, Lupe Flórez Seivane.

“Neste mes de novembro a Concellería de Cultura do Concello de Lourenzá organiza un ciclo teatral incluído dentro do circuíto cultural Buxiganga Teatro, da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo. Nesta ocasión teremos dúas obras: a primeira delas será o vindeiro sábado, 9 de novembro, e a segunda está programada para o seguinte, o día 16 de novembro”, explicou Lupe Flórez.

A edil de Cultura engadiu que “a primeira representación correrá a cargo da compañía Axóuxeres, de Vilaronte, do concello veciño de Foz, coas obras teatrais tituladas Véndese mula e A Pousada. Será este vindeiro sábado, 9 de novembro, ás oito da tarde no salón de actos da Casa do Concello”.

“Esperamos contar, coma sempre, cunha ampla presenza de público dado o gusto que polo teatro popular amosan os veciños de Lourenzá”, rematou Flórez.

Declaracións de Lupe Flórez Seivane (MP3)