O SECRETARIO XERAL PARA O DEPORTE FELICITOU AO CONCELLO POLO SEU TRABALLO NA PROMOCIÓN DO DEPORTE E FOMENTO DA VIDA SA. JOSÉ RAMÓN LETE LASA E MANUEL OTERO REUNÍRONSE COA ALCALDESA, EMMA ÁLVAREZ, E CO CONCELLEIRO PABLO MASEDA

Lourenzá, 6 de febreiro de 2014. O secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, estivo hoxe en Lourenzá e felicitou ao Concello polo seu traballo na promoción do deporte e no fomento da vida sa. Lete Lasa, que estivo acompañado polo responsable provincial do departamento autonómico de Deportes, Manuel Otero Cadramón, reuniuse coa alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, e co concelleiro de Deportes, Pablo Maseda.

Despois da visita a rexedora municipal explicou que o secretario xeral para o Deporte da Xunta “veu felicitarnos polo traballo que se está a desenvolver para a promoción do deporte e fomento de vida sa, ao mesmo tempo que se interesou polo estado das instalacións coas que conta o concello. O escaso presuposto que manexa a Secretaría Xeral para o Deporte dedicado a investimento deportivo para o exercicio 2014 non fai posible falar de actuacións no noso concello pero si tomou nota das deficiencias que lle formulamos, principalmente o campo de fútbol e o pavillón polideportivo. Concretamente en relación a este último, e tendo en conta que temos un equipo de baloncesto feminino xogando na Primeira División Nacional, que é terceira categoría máis importante a nivel estatal, foi sensible coas carencias que presenta para poder estar á altura de competicións nacionais”.

Emma Álvarez engadiu: “transmitiunos a súa felicitación a todos os equipos das distintas disciplinas das escolas deportivas municipais polo bo traballo que están desenvolvendo ao mesmo tempo que se mostrou confiado en que o Lourenzá-Ensino, que vai segundo na súa liga, volva ascender de categoría este ano. Desa maneira recibirán patrocinio directo dende a Secretaría Xeral para o Deporte. O concelleiro de Deportes e eu mesma desexamos que así sexa”.