Lourenzá, 28 de febreiro de 2014. O ximnasio municipal de Lourenzá foi adxudicado á empresa local Ana Sport, que ten un mes de prazo para reabrir as instalacións. A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, destaca o amplio horario e as actividades que ofrecerá.
A rexedora municipal anunciou hoxe que “as instalacións do ximnasio municipal, que está situado no Campo da Feira, no lugar da Gracia, xa ten adxudicatario, despois de que rematara o proceso administrativo coa propia adxudicación na xunta de goberno local, logo de que foron estudadas as distintas propostas económico administrativas presentadas pola mesa de contratación. O proxecto presentando polo promotor obtivo a máxima puntuación en todos os aspectos. Valorouse a oferta económica, o proxecto en si, o prezo do servizo e tamén a experiencia”.
Emma Álvarez engadiu que “a proposta económica que presentou foi de 400 euros anuais, é dicir 100 euros máis do prezo de partida. E no tocante ao proxecto valoramos positivamente, por un lado, o amplo horario de apertura ao público que terá: de luns a venres de 10 a 13:30 e de 17:30 a 22:30 e os sábados de 10:30 a 14 horas. Tamén valoramos positivamente as distintas actividades que son susceptibles de desenvolverse neste ximnasio se hai demanda por parte dos usuarios: ximnasia de mantemento, psicomotricidade para nenos, pilates, tonificación, just pump, spinning, zumba ou ioga, entre outros; así como os distintos tipos de masaxes que pode ofertar o titular que contratará para dar este servizo: desde masaxes relaxantes, terapéuticos ou circulatorios a outros como masaxes chinos, deportivos ou neuromusculares. Ademais conta cunha ampla gama de aparatos para traballar de xeito individual e tamén hai sauna”.
A alcaldesa considera que “é unha boa nova para os usuarios do ximnasio, que están esperando a que dunha vez por todas se reanude a actividade e con este proceso queda fixado como prazo máximo un mes para a súa apertura. Tamén é unha nova importante dende o punto de vista municipal, xa que a adxudicataria é coñecedora do sector e ademais é veciña de Lourenzá e temos a esperanza de que se contrata xente sexa tamén deste municipio. Concretamente a adxudicataria deste servizo é unha empresa coñecida no concello por ter unha tenda de deportes: a firma Ana Sport”.