Lourenzá, 25 de setembro de 2013. A sexta edición da ruta de tapas con fabas de Lourenzá, que organiza o Concello, conta coa participación de oito establecementos hostaleiros de Vilanova, que ofrecerán 20 tapas de balde do 4 ao 6 de outubro. Na tarde noite do primeiro día haberá cantos de taberna nas rúas e nos locais participantes.
A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, anunciou que “enmarcado dentro da programación da Festa da Faba vaise celebrar o primeiro fin de semana de outubro unha ruta de tapas elaboradas con fabas de Lourenzá. Con esta será xa a sexta edición, na que participan 8 establecementos: Cafetería Galaxia, Café Pub Trasgu, Cervecería O Recanto, Restaurante La Unión, Café Bar Cantón, Mesón O Pipote, Cervecería Morrigan e Bar Airiños do Castro”.
A rexedora municipal explicou que “este concurso está organizado polo Concello, patrocínao Cesáreo Eijo e colabora a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá. Para valorar as tapas haberá un xurado composto por cinco membros o venres día 4 ás seis da tarde no Centro de Interpretación da Faba. Posteriormente os gañadores coñeceranse o sábado 5 á unha da tarde, cando se fará a entrega de premios no claustro do mosteiro, dentro dos actos da inauguración da vixésimo terceira Festa da Faba”.
Emma Álvarez engadiu que “as persoas que se acheguen ao noso concello poderán degustar estas tapas de balde o venres de 20 a 23 horas; o sábado, de 12 a 16 e de 20 a 23; e o domingo de 12 a 16 horas. Ademais o tapeo do venres estará amenizada con cantos de taberna polos establecementos participantes nesta ruta a cargo de Os feroces da Galgueira, un grupo folclórico de As Pontes que antes fará un recorrido polas rúas do noso concello”.