Lourenzá, 1 de xuño de 2013. A pesar das adversas condicións meteorolóxicas unha vintena de persoas participaron hoxe na xornada de limpeza dos ríos en Lourenzá, actividade organizada dentro da Semana do Medio Ambiente polo Concello e a Xunta de Galicia co patrocinio da Fundación La Caixa.
A alcaldesa, Emma Álvarez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Reigosa, estiveron entre os participantes e deron as grazas aos demais voluntarios, ao presidente da asociación de pescadores do río Masma e ao xefe do servizo de Conservación da Natureza en Lugo.
A rexedora municipal explicou que “a participación non foi moita porque houbo mal tempo, pois estivo chovendo, e ademais coincidiu cunha excursión organizada polo colexio na que ían os pais dos alumnos. Polo tanto unha boa parte da poboación de Lourenzá tiña compromisos anteriores para o día de hoxe”.
Pero a alcaldesa está animada a organizar máis xornadas coma esta ao longo do ano porque “hai que concienciarse co medio ambiente, polo que posiblemente a seguinte farémola a finais de setembro ou principios de outubro”.