POR SEGUNDO ANO CONSECUTIVO, NESTAS DATAS DE NADAL, A ASOCIACIÓN CONDE SANTO DECIDE POÑER EN ESCEA UNHA NOVA REPRESENTACIÓN TEATRAL.

Nesta ocasión trátase dunha peza orixinal de Pepe Peinó, que foi lixeiramente adaptada para esta ocasión. A trama, que leva por título “Alí vén teu pai”, garante dúas horas de risas, provocadas por personaxes que, de seguro, sorprenderán ao público.

Dende a Asociación desexamos dar as gracias a unha serie de persoas alleas á propia asociación (nenos e adultos) que nesta ocasión nos van a acompañar no elenco de actores de maneira totalmente desinteresada; así como ao Concello de Lourenzá que nos facilitou a realización dos ensaios no Salón de Actos municipal, e á Técnico de Cultura, que exerce de directora da mesma.

Por outra banda, tamén queremos pedir disculpas por aqueles erros que poidamos cometer na representación, xa que os tempos para ensaiar foron escasos, debido á imposibilidade de compatibilizar os horarios dos integrantes do elenco, por motivos laborais e de estudos; pero que tentaremos subsanar coas ganas e o entusiasmo que nos supón este novo reto.

Finalmente, non nos queda máis que convidar a toda a xente que nos queira acompañar, ás dúas representacións da peza que se van a levar a cabo este vindeiro sábado, 4 de xaneiro, en dúas sesións, a primeira ás 5 da tarde e a segunda ás 9 da noite; nas dependencias do Salón de Actos do Concello de Lourenzá. As entradas serán gratuítas, e por motivos de aforo, limitarase o acceso a 130 persoas en cada un dos pases.