A REPRESENTACIÓN TEATRAL DE ONTE ABARROTOU O SALÓN DE ACTOS DO CONCELLO, QUE ESTE VINDEIRO DOMINGO ACOLLERÁ A ÚLTIMA OBRA DO CICLO FEBREIRO TEATREIRO. CORRERÁ A CARGO DA COMPAÑÍA O BATÁN, DE CANGAS DE FOZ

Lourenzá, 17 de febreiro de 2014. A representación teatral a cargo de Trípode abarrotou onte, domingo, o salón de actos do Concello de Lourenzá, que este vindeiro domingo, día 23, ás sete da tarde acollerá a última obra do ciclo Febreiro teatreiro. A compañía O Batán, de Cangas de Foz, ofrecerá a obra Cambadelas. O prezo da entrada é de un euro.

A concelleira de Cultura, Lupe Flórez Seivane, explicou hoxe que na actuación de Trípode o salón de actos “rexistrou un cheo total, para ver a peza titulada Xuízo anticorrupción, coa que o trío fixo pasar unha tarde de risas ao público asistente, que tamén interactuou no desenrolo da obra”.

Lupe Flórez engadiu que “a última compañía que vai pechar o Febreiro teatreiro é O Batán, de Cangas de Foz, que vai poñer en escena Cambadelas, un libreto de Francisco Piñeiro. Será o vindeiro domingo, 23 de febreiro, ás sete da tarde no salón de actos da Casa da Cultura de Lourenzá. Agardamos que sexa do gusto do público asistente para que o peche deste ciclo teatral lles deixe un bo sabor de boca”.

A concelleira de Cultura rematou agradecendo “a masiva afluencia ás representacións, o que nos anima a seguir traballando na programación de ciclos teatrais”.