RETIRARON HOXE UN NIÑO DE AVESPA VELUTINA NO PEDRÓN. ESTABA SITUADO NUN EUCALIPTO A MÁIS DE 20 METROS DE ALTURA

Lourenzá, 22 de agosto de 2014. Operarios da empresa Tragsatec e unha unidade de bombeiros do parque comarcal de Barreiros retiraron hoxe un niño de avespa asiática velutina que estaba situado no Pedrón, concretamente no lugar de Pousada.

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, estivo presente durante a operación e, unha vez rematados os traballos, explicou que “este niño estaba a máis de 20 metros de altura nun eucalipto, polo cal se precisou a axuda dos bombeiros”.

A rexedora comentou que “xa van dous niños retirados pola empresa Tragsatec no noso concello e, aínda que tivemos bastantes chamadas e alertas por parte de veciños, ata o día de hoxe os demais niños que fomos a ver non eran de avespa asiática senón común polo cal os particulares fixéronse cargo deles. E seguimos facendo un chamamento aos cidadáns para que en caso de que vexan niños de avespa asiática nolo fagan saber para que se proceda á súa retirada, posto que din que estes dous non son illados, ten que haber moitos máis en zonas altas, cornixas, … que estean sobre todo en zonas húmidas como poden ser as beiras dos ríos”.