TURISMO DE GALICIA E A MANCOMUNIDADE DE MUNICIPIOS DA MARIÑA ASINARON HOXE UN CONVENIO DE COLABOARACIÓN PARA POTENCIAR O CARÁCTER DIFERENCIAL DA MARIÑA COMO DESTINO TURÍSTICO

Foz (Lugo), 15 de xullo de 2013.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e mais o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, Alfonso Fuente Parga, acompañados da delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, e mais do alcalde da localidade, Javier Castiñeira asinaron hoxe en Foz un convenio de colaboración para a realización de actividades de promoción turística no destino.

O obxectivo do acordo é poñer en valor os recursos da zona e difundilos naqueles mercados potenciais de interese. De tal xeito que, en virtude do convenio, implementaranse accións de promoción, incentivarase o uso das novas tecnoloxías ao servizo do turismo e a formación dos actores turísticos na procura da mellora continua da calidade do servizo.

Ao tempo, traballarase na sensibilización, tanto dos visitantes como dos veciños da zona sobre a importancia de preservar e poñer en valor o patrimonio para o seu uso e aproveitamento turístico, respectando a sostibilidade do mesmo e incidindo na aposta pola internacionalización.

O acordo establece as bases de colaboración para dinamizar e fomentar o turismo a través de actuacións concretas como a consolidación de produtos turísticos: as Rutas da Artesanía na Mariña Lucense ou o Mes da Maxia na Mariña Lucense; a creación do novo produto O Camiño Norte a Santiago con Artesanía ou a posta en marcha de actividades formativas do sector turístico.

Destino diferencial

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro resaltou a oferta cultural, natural, paisaxística, gastronómica e etnográfica desta terra que, segundo dixo, “converte ao destino nun elemento diferencial dentro da oferta turística galega”. Incidiu nalgúns dos recursos únicos desta zona da provincia de Lugo e tamén no feito de que a maior web de viaxes do mundo, Tripadvisor, teña recoñecido a Praia das Catedrais entre o top ten dos destinos de praia de España, asegunda mellor praia de Europa e a sexta mellor praia do mundo.

Tamén incidiu no feito de que Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe, ten posto en marcha o Tren turístico dos Faros, que percorre a Mariña dende un punto de vista singular e que permite visitar os diferentes enclaves segundo un programa de excursións realizadas en microbuses especiais que saen dos apeadoiros do tren. A ruta dispón dun guía especializado.

De igual xeito, incidiu nas excelentes cifras que está a rexistrar o Camiño Norte e resaltou que foi a ruta pola que chegou a Santiago San Francisco de Asís e de cuxa peregrinación se celebra entre 2013 e 2015 o VIII Centenario. No que vai de ano, 4.581 peregrinos percorreron o Camiño do Norte para recoller a súa Compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago, son un 3,45% máis que os que o fixeron no mesmo período de 2012. No tocante ao total das rutas, no que vai de ano, a cifra de peregrinos ten subido un 11,8%.

Declaracións de Nava Castro (MP3)