XESÚS VÁZQUEZ ABAD VISITA A FORTALEZA DE TOVAR (LOURENZÁ) ONDE A CONSELLERÍA DE CULTURA E EDUCACIÓN INVESTIU 255.862 EUROS PARA A SÚA REHABILITACIÓN

Lourenzá (Lugo), 10 de xullo de 2013.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe a Fortaleza de Tovar, no Concello de Lourenzá, para comprobar o estado das obras de rehabilitación deste inmoble, onde a Consellería investiu 255.862 euros. Durante a súa visita, o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez, e pola alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez.

Xesús Vázquez Abad mostrouse moi satisfeito polos resultados das últimas intervencións realizadas polo seu departamento, posto que tras 10 meses de obras, “conseguiuse consolidar e poñer en valor esta xoia da arquitectura militar do Renacemento e Ben de Interese Cultural que se atopa moi preto do Camiño de Santiago (Camiño do Norte), e que enriquecerá, aínda mais, esta ruta xacobea”. Segundo o conselleiro, “as actuacións levadas a cabo, ademais de impedir a desaparición desta importante fortificación, permitiron preservar e acondicionar a fortaleza para que poida ser visitada en condicións de seguridade por todos aqueles que o desexen”.

Os traballos de rehabilitación consistiron principalmente na desmontaxe dos elementos que supoñían un risco para a conservación do edifico e para a seguridade dos visitantes. Recuperouse a cuberta substituíndo a estrutura e material de cubrición. Ademais, rehabilitouse a estrutura horizontal con madeira de castiñeiro.

Doutra banda, reparáronse e limpáronse os lenzos de fábrica, repuxéronse os linteis danados e revocáronse as fábricas de tixolo. Ademais, protexéronse os pavimentos orixinais que se manteñen con pasarelas de madeira superpostas ás estruturas e entramados orixinais. Finalmente, realizouse unha pequena instalación eléctrica para seguridade e uso de visitantes, e limpouse a vexetación do contorno, acondicionando o acceso e habilitando unha zona de estacionamento de vehículos.

Fortaleza de Tovar
A Fortaleza de Tovar, catalogada como Ben de Interese Cultural, coa categoría de Monumento, é unha construción defensiva que sufriu moitas variacións dende o século XVI, e aínda que conserva a maioría dos elementos construtivos que remataron por derivar a fortificación nunha residencia pacega, acusa o abandono e a ruína parcial. Nos seus últimos anos de uso foi empregada coma vivenda de caseiros e casa de labranza.

A casa-forte constitúese por un corpo principal de planta rectangular, rematado nos laterais por dúas torres, con dous corpos acaroados cada unha. Este conxunto, con parte da muralla, forman un patio de entrada. Os muros son de cachotaría de lousa cas marcaxes dos ocos en gra. As Torres están rematadas por ameas e con outros elementos defensivos como barbacás, troneiras, seteiras, etc.

Igrexa de San Salvador
Asemade, Xesús Vázquez Abad aproveitou a visita a Lourenzá para visitar a Igrexa de San Salvador. O ano pasado a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural investiu 7.200 euros para a montaxe dunhas estadas para a restauración e consolidación estrutural dunhas pezas ornamentais que caeron no lado dereito da igrexa.

Así mesmo, cando se colocaron as escadas en 2012, os técnicos da Dirección Xeral tamén analizaron o estado de conservación de toda a fachada e consideraron que no flanco esquerdo sería conveniente a súa reparación e consolidación para o seu axeitado mantemento e evitar riscos para a seguridade das persoas. Deste xeito, o conselleiro anunciou que se destinarán 5.500 euros para reparar as deficiencias detectadas no franco esquerdo da igrexa.