A XUNTA CONCEDEU AO CONCELLO A CONTRATACIÓN DUN MONITOR DE TEMPO LIBRE DURANTE UN ANO. A PRAZA CONVOCARASE DE INMEDIATO PARA QUE TRABALLE XA NO CAMPAMENTO MUNICIPAL DESTE VERÁN

Lourenzá, 8 de xullo de 2013. A Xunta de Galicia concedeu ao Concello de Lourenzá a contratación dun monitor de tempo libre durante un ano. Anunciouno hoxe a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, quen explicou que a praza se convocará de inmediato para que traballe xa no campamento municipal de verán.

A rexedora municipal explicou que “acaba de vir aprobada, a través dos plans de cooperación da Xunta de Galicia, a contratación dun monitor de tempo libre durante un ano a media xornada. Foi pedido para facer traballos cos nenos e que desta maneira os veciños poidan conciliar a vida familiar coa laboral. A idea é que poidamos telo xa para traballar nos campamentos deste verán, polo que a contratación farase de inmediato”.

Emma Álvarez engadiu que durante o resto do ano “fará traballos dedicados aos máis novos e en casos puntuais tamén para os maiores, como pode ser a través do taller de memoria”.

A alcaldesa rematou anunciando que mañá, martes, “farase unha convocatoria ao Inem para contratar a un monitor de tempo libre”.