A XUNTA CREARÁ UNHA RUTA DE SENDEIRISMO DE 20 QUILÓMETROS QUE PASARÁ POLOS PRINCIPAIS ATRACTIVOS DO MUNICIPIO. PARA EXECUTAR A OBRA O CONCELLO FIRMARÁ UN CONVENIO COA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, QUE INVESTIRÁ 60.218 EUROS

Lourenzá, 2 de agosto de 2013. O Concello de Lourenzá firmará un convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, da Xunta de Galicia, para a creación dunha ruta de sendeirismo de 20 quilómetros que pasará polos principais atractivos do municipio. A obra será executada por ese departamento autonómico cun investimento de 60.218 euros.

A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, explicou que “a realización desta ruta de sendeirismo ten como finalidade impulsar o atractivo resultante da interacción do hábitat natural coa paisaxe agraria, tan identificativa do noso concello sobre todo polo cultivo da faba, e sen pasar por alto a etnografía e a historia. É unha ruta circular duns 20 quilómetros de lonxitude aproximadamente que pasa por 8 muíños, un deles é o do Pereiro, que está totalmente restaurado. E tamén, como non podía ser doutro xeito, pasa ao carón do pazo de Tovar, ben de interese cultural que en breve albergará o Centro de Interpretación da Cultura Pacega e que será un exemplo vivo do que antano era un pazo”.

A rexedora engadiu que con esta actuación trátase de “impulsar a etnografía local; fomentar a ocupación do tempo libre, o deporte e o turismo; e tamén realzar a historia do noso concello, xa que tratamos de levar esta ruta de sendeirismo por tódalas parroquias e por lugares emblemáticos, como poden ser a igrexa de San Xurxo, que está situada sobre un castro; tamén polo monte Calvario, de San Adriano; pola beira de sete muíños e unha caleira, algún deles funcionou ata hai moi pouquiño tempo”.

Emma Álvarez salientou que “ao ser unha ruta circular, que sae do Cantón e volve ao mesmo lugar, os visitantes tamén van ter a opción de coñecer o Museo de Arte Sacra e a nosa igrexa de San Salvador co seu impresionante relicario e o sarcófago do Conde Santo”.

Ademais a alcaldesa explicou que “as actuacións contempladas neste convenio céntranse basicamente na sinalización da ruta, pero a parte máis importante da inversión será o que se vai facer na ponte do Xuncal: vamos recuperala para o que se eliminará o pavimento de asfalto que hai sobre a plataforma da ponte de pedra e unirase cun tramo de sendeiro pavimentando ata o muíño do Pereiro. Ademais acondicionarase a área da depuradora, vanse facer dúas zonas de aparcamento para que, aparte desta ruta de sendeirismo de 20 quilómetros, os que non se animen a facer tanto recorrido poidan visitar este tramo dende a ponte do Xuncal ata o muíño do Pereiro. Tamén leva a instalación dalgunha pasarela, a construción dalgunha pequena escollera de pedra e sobre todo a xestión da biomasa”.

Para rematar Álvarez Chao anunciou que nesta actuación “a inversión que a Xunta de Galicia vai facer en Lourenzá ascende a 60.217,93 euros e o Concello o único que aporta é o terreo; e unha vez acabada a obra farase cargo do mantemento e a conservación desta ruta de sendeirismo”.