Novas

A ALCALDESA E O CONCELLEIRO DE CULTURA ENTREGARON OS PREMIOS DO 3º CAMPIONATO DE PARCHÍS CONCELLO DE LOURENZÁ

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, e o concelleiro de Cultura, Manuel Arango, foron os encargados de entregar os premios da terceira edición do Campionato de Parchís Concello de Lourenzá.

A parella gañadora foi a formada por Josefa Sante Fernández e Piedad Sanmartín Balsa. As subcampioas foron Berta Lagarón Debén e Ángela María Braña Gutiérrez. Os trofeos que recibiron son obra da fundación Eu Son, de Burela.

MEDIO CENTENAR DE VECIÑ@S DE LOURENZÁ PARTICIPARON NUNHA EXCURSIÓN A MUXÍA E ÁS CASCADAS DO ÉZARO ORGANIZADA POLO CONCELLO

Medio centenar de veciños e veciñas de Lourenzá participaron nunha excursión a Muxía e ás cascadas do río Ézaro organizada pola Concellería de Servizos Sociais.

Na viaxe participaron os alumnos do taller de memoria do Concello de Lourenzá e outras persoas xubiladas maiores de 65 anos ata completar as prazas dispoñibles. Estiveron acompañados nesta actividade pola alcaldesa, Rocío López, e outros representantes municipais.

A BIBLIOTECA MUNICIPAL PROGRAMA ACTIVIDADES PARA O PÚBLICO INFANTIL OS DÍAS 30 DE MAIO, 6 E 27 DE XUÑO

A biblioteca municipal de Lourenzá programa actividades para o público infantil os mércores 30 de maio, 6 e 27 de xuño.

O vindeiro mércores, día 30 deste mes, ás seis da tarde no salón de actos do Concello haberá un espectáculo de contacontos baseado en relatos de María Victoria Moreno a cargo de Charo Pita. Ao remate entregaranse os premios dos concurso de narración e debuxo Letras Galegas 2018.