Novas

UNHA UNIDADE MÓBIL DO PLAN DE IMPULSO DA REHABILITACIÓN SOSTIBLE DE VIVENDAS REACCIONA 2020 ESTARÁ NA PRAZA DO CONDE SANTO O VINDEIRO MÉRCORES, DÍA 9

Unha unidade móbil do plan de impulso da rehabilitación sostible de vivendas na provincia de Lugo, denominado Reacciona 2020, estará na Praza do Conde Santo o vindeiro mércores, día 9, dende as 11 da mañá ata as 6 da tarde para informar sobre as vantaxes deste programa. Ademais ese mesmo día ás oito da tarde haberá unha charla sobre este asunto no salón de actos da Casa do Concello aberta ao público en xeral. Anunciouno hoxe a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López.

SEIS PARELLAS PARTICIPAN NO PRIMEIRO CAMPIONATO DE PARCHÍS PARA ADULTOS ORGANIZADO POLO CONCELLO QUE EMPEZOU ONTE NA BIBLIOTECA MUNICIPAL

Comezou onte na biblioteca municipal de Lourenzá o primeiro campionato de parchís para adultos organizado polo Concello e no que participan seis parellas. Entre os 12 xogadores inscritos hai once mulleres e un home.

O campionato vaise desenvolver os xoves a partir das seis da tarde na biblioteca municipal e enfrontaranse todas as parellas entre si. Haberá premios, que consistirán en trofeos, para os que consigan os primeiros postos na clasificación final do torneo.

O CENTRO DE DÍA PARA MAIORES ACOLLERÁ MAÑÁ, VENRES, UN ESPECTÁCULO DE ANIMACIÓN MUSICAL E TEATRAL

O centro de día para persoas maiores de Lourenzá acollerá mañá, venres, a partir das 16.30 horas un espectáculo de animación musical e teatral.

A alcaldesa, Rocío López, explicou que esta actividade “está enmarcada dentro do proxecto de animación para persoas maiores Entre avós anda o xogo, do grupo Galimatias” e engadiu que “estas actividades de animación musical e teatral teñen como idea principal buscar un repertorio sinxelo que facilite a participación tanto dos usuarios do centro como de todo o público asistente”.