Novas

ESTE VENRES, DÍA 15, REANÚDANSE AS REPRESENTACIÓNS DO III CERTAME DE TEATRO AFECCIONADO CONCELLO DE LOURENZÁ

Este venres, día 15, o grupo de teatro Touporroutou, de Foz, representará no III Certame de Teatro de Lourenzá a obra Comedia bífida. E o sábado 16 será o grupo Carauta Teatro, de Santiago, o que se subirá ao escenario laurentino coa obra Un!dous!tres!. As dúas representacións terán lugar no salón de actos do Concello ás 20:30 horas.

O domingo 17 non haberá representación debido á viaxe que organiza o Concello de Lourenzá a Casar de Periedo (Cantabria), onde participará como concello invitado na XV Feria de la Alubia y la Hortaliza.

O CONCELLO DE LOURENZÁ ORGANIZA UNHA VIAXE Á XV FERIA DE LA ALUBIA Y LA HORTALIZA EN CASAR DE PERIEDO (CANTABRIA)

Preto dun centenar de veciños acompañarán o próximo domingo, 17 de novembro, á alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, a participar como concello invitado na XV Feria de la Alubia y la Hortaliza en Casar de Periedo, localidade do concello de Cabezón de la Sal (Cantabria). A viaxe inclúe degustación do cocido montañés.

Ademais de Lourenzá, nese evento participarán como concellos invitados os de La Bañeza (León), Saldaña (Palencia) e Arnuero (Cantabria).

O CONCELLO OFRECE SERVIZOS DE PODOLOXÍA E FISIOTERAPIA A DOMICILIO GRATUÍTOS PARA MAIORES E DEPENDENTES

Lourenzá, 24 de outubro de 2019. A Concellería de Servizos Sociais de Lourenzá amplía os servizos a persoas dependentes e de libre concorrencia ofrecendo podoloxía e fisioterapia gratuítos para todos os usuarios.

Esta semana a concelleira Mercedes Dengra e a técnico social visitaron aos usuarios para ofrecer estes novos servizos, que teñen moi boa acollida. A partir do vindeiro mes de novembro un especialista en podoloxía e outro en fisioterapia realizarán estes servizos a domicilio.

A PRAZA DO CONDE SANTO ACOLLERÁ UN ACTO PARA CELEBRAR O DÍA DA BIBLIOTECA ESTE XOVES

Este xoves, día 24, ás 12:30 horas, co gallo da celebración do Día da Biblioteca, a biblioteca municipal Juana de Ibarbourou e a do CEIP Juan Rey celebrarán un acto conxunto na Praza do Conde Santo onde se lerá un manifesto e O conto máis longo do mundo, escrito e ilustrado polos alumnos e alumnas do colexio laurentino.

O Concello de Lourenzá obsequiará aos nenos e nenas participantes con agasallos conmemorativos do día.