Patrimonio

 

 

Mosteiro de San Salvador

Torreón Mosteiro San Salvador
    Sen dúbida, o monumento máis importante do concello, un referente do barroco galego. Foi declarado monumento histórico-artístico no 1974.


    Os primeiros datos da súa existencia son do 947. A partir do século XII, pasou de mosteiro familiar a mosteiro beneditino. A partir do 1505, intégrase na congregación de San Benito de Valladolid. No 1642, o prestixio da abadía chegou a tal que o rei Felipe IV outorgoulle o título de Marqués de Lorenzana a Don Alvaro Quiñones.

    O dia 18 de Outubro de 1835, tivo lugar a supresión definitiva do Mosteiro, por mor da desamortización de Mendizabal, momento no que foi desmantelada a biblioteca do mosteiro.

    No 1878, tivo lugar un incendio que afectou a unha boa parte do claustro principal. En 1910, unha comunidade de monxes volveu a ocupar as estancias do mosteiro, creándose un priorado dependente de Samos, sendo estes moxes os que levaron a cabo os labores de restauración do mosteiro.

    En 1942 disólvese o priorado, co que quedan traspasadas as dependencias ao bispado de Mondoñedo. A partir do curso 1942-43 e ata o 1970, funcionou o Seminario Menor Diocesano.

Mosteiro San Salvador

Dependencias do Mosteiro (Plano Mosteiro):

  • Claustro Maior do século XVII de estilo clasicista.
  • Claustro do Pozo Santo.
  • Antiga Cámara Abacial, hoxe sede do Concello.
  • Igrexa de Santa María
  • Antiga Biblioteca
  • Museo de Arte Sacra

 


 

Igrexa de Santa MaríaIgrexa

 

      Iniciada no ano 1732, por Frei Juan de Samos, e rematada por Casas Novoa (fachada e parte alta do interior), como ensaio da fachada do obradoiro.

    Igrexa de tres naves, con planta de cruz latina e cúpula sobre pendente. Conta cun retablo neoclásico de Ventura Rodríguez con imaxes de Ferreiro.

 Sepulcro   Conta tamén co retablo renacentista de San Xosé, o de Santa Xertrude, coa Virxe de Monserrat, unha tapa do sepulcro dun cabaleiro e a lápida de Villaroel.

Posúe duas capelas de interese: A Capela de Nosa Sra. Da Valvanera, e a Capela de Nosa Sra. De Valdeflores, na que se atopa o sartego do Conde Santo.

    Destaca o Museo de Arte Sacra, do que lles falaremos a continuación. 

 

 

 


Museo de Arte Sacra

Relicario

De tituaridade eclesiástica, foi creado no ano 1964, foise remodelando en épocas posteriores e agora conta cunhas magníficas instalacións, entre as que destaca a amplia sala que antano fora biblioteca monacal, da cal aínda se conservan interesantes volumes.

 

    O museo alberga unha importante colección de pinturas en táboa, con escenas dos miragres do Conde Santo, pezas escultóricas dos séculos XVII e XVIII e un rico e variado número de pezas de ourivería.

    Desta colección de obras, cómpre destacar o relicario barroco do s.XVII, situado na sancristía da igrexa; o sepulcro do Conde Santo, do s.V (de mármore Paleocristián); a capela de Nosa Sra. Valbanera, do s.XVII, que posúe un fermoso altar tallado en madeira natural e o retablo da igrexa, do s.XVIII, diseño de Ventura Rodríguez e obra de Bernardo Del Río, mestura entre barroco e neoclásico.


Igrexa Parroquial de San Xurxo

Igrexa San Xurxo     Situada no centro dun antigo castro, posúe unhas fermosas vistas sobre o val de Lourenzá. Foi construída no século XVIII en forma de cruz latina, sobre edificacións anteriores, posiblemente de orixe templaria. Consta de nave con dúas capelas laterais, capela maior e sancristía á esquerda desta; un pórtico rústico ante a fachada principal e, sobre esta, espadana dun corpo con dous vans. A porta principal leva arco carpanel e a inscrición: "Es iglesia de refugio". As dúas capelas laterais datan de comezos deste século. Esta igrexa tivo outra nave lateral unida ao muro dereito, pero afundiuse e non foi construída. Presbiterio: retablo maior neoclásico do século XIX, feito en Mondoñedo.


Igrexa de San Tomé


Igrexa de San Tomé    Data do século XVI, ainda que foi reformada no s. XVIII e nos últimos tempos. Consta de tres naves separadas por arcos semicirculares con cuberta de madeira. Capela maior cadrada con bóveda de catro nervios, do s.XVI, apoiados en ménsulas. Catro contrafortes na capela maior e, no muro dereito unha pequena espadana dun só van. No alto da fachada, ten gran frontispicio con imaxe de pedra de San Tomé Apóstolo.

    Presbiterio: retablo maior de estilo renacentista, con tres corpos, todos de orde corintia. Unha cartela do retablo sinala o ano de 1667. Nave lateral dereita: retablo de estilo barroco, século XVIII, procedente da igrexa de San Pedro de Alcántara de Mondoñedo. Columnas barrocas, salomónicas, de notable influencia colonial.

    Outro retablo barroco rexional, cun só corpo de dúas columnas salomónicas, século XVII. Sancristía: cáliz de prata, s.XVII. Xogo de seis candelabros, s. XVIII. Varias imaxes do s. XVIII. Trastenda: varias imaxes do século XVII. Urna do monumento de Xoves Santo do século XVIII. Restos de retablos barrocos. Casa reitoral: cruz procesional de prata. Incensario de prata repuxada, con inscripción "Esto lo ha donado Josefa Pérez de Alfonso, año de 1730". Naveta de prata, barroca. Custodia de prata sobredourada, s. XVII. Cáliz de prata cicelada, s. XVIII. Copón, s. XIX. Rosario con cruz cicelado de prata, s.XVIII.


Igrexa de Santo Adrao

Cruz     Data do século XVI e foi restaurada en diferentes ocasións.

    Consta de nave principal e nave lateral á dereita, separada por arcos de medio punto. Sancristía detrás do testeiro. A fachada principal leva espadana de dous corpos e tres vans, e nun lado reloxo de sol de lousa. No atrio, pía bautismal de pedra con tres cruces gravadas e dise que foi da primitiva igrexa. No lado esquerdo do presbiterio, un arco de medio punto que comunicaba coa derrubada capela dos Sarmiento.

    Presbiterio: retablo maior do século XVII, de estilo renacentista, moi rexional, repintado recentemente, tres corpos. Sagrario con dúas columnas salomónicas, estilo barroco, e expositor tamén barroco. Varias imaxes do s. XVII. Fermoso frontal barroco da segunda metade do século XVIII. Lado dereito da nave: retablo moderno con Dolorosa e Santo Antonio, ámbos os dous do século XVIII. Cristo xacente, articulado, tipo goticista, s. XVI. Esculturta de Santo Adrao, s.XVII. Retablo renacentista do século XVII.

    Lado esquerdo: retablo renacentista de tres corpos e outro retablo barroco de dous corpos, finais do s. XVIII. Capela da Inmaculada: Ten un fermosísimo retablo barroco de mediados do s. XVIII, de boa talla e bo dourado, con ampliacións laterais con inscrición: "Este retablo de imágenes mandó hacer y pintar a su costa María Josefa Cadefel y Alonso y Castrillón... año de 1753".

    Sancristía: incensario de prata cicelada do s. XVIII. Cáliz de prata incisada do s. XVII con copa posterior. Fermosísima cruz procesional obra de estilo gótico dos primeiros anos do s. XVI, prata sobredourada.

 


Pazo de Tovar

Pazo Tovar     Mansión señorial fortificada de estilo gótico isabelino que non se chegou a rematar. Mandada construír no ano 1530 por Don Antonio de Tovar, xentil home do emperador Carlos V, e a súa dona. Unha inscrición na pedra de armas que decora a súa fachada certifica estes feitos: DN ANTONIOUS DE: DOMO KA IS: HANC: FE NA BLANCA M D XXX DE TOVAR ROLI: CÉSAR CIT: CUM: CO: SVA: VXORE (No ano do señor de 1530 Antonio de Tovar da Casa do César: Carlos fixo esta casa con dona Branca, e a súa muller).

    A fortaleza consta de dúas torres cadradas, coronadas con ameas e dous pavillóns e o comezo doutro.      A entrada posúe un arco gótico isabelino con dous bustos en baixorrelevo. A torre principal ten uns fermosos ventanais góticos, un grande escudo e lápida con inscrición. No patio destacan dous arcos isabelinos mixtilíneos.

    O Castelo de Tovar mantén, hoxe en día, o seu carácter de fortaleza. Os diferentes elementos defensivos harmonizan coas demais dependencias anexas do castelo, que non foi en ningún momento abandonado.

Máis información sobre a Fortaleza de Tovar


Ponte da Cazolga

Ponte de Cazolga    Érguese esta atrevida construción sobre o húmido lombo do río Masma. Foi construída en pedra de cadeirado, no ano 1796, polos monxes beneditinos de Lourenzá. Tivo uns gastos de 56275 reais.

Este paso empregouse para transportar os materiais cos que se construiría o Mosteiro de San Salvador.

 

 


 

Ponte da Pedra

Ponte de Pedra    Situada sobre o río Baos, ten un só van. Testemuña o paso dunha vella vía de entrada a Vilanova. A este respecto, este pobo foi chamado noutro tempo "Villa de la Puente".

    Por esta ponte pasa o camiño de Santiago procedente de Barreiros. O Concello de Lourenzá loce como brasón do seu escudo o símbolo desta ponte.


Outros Monumentos do Concello

 

Parroquia de Sta. María (Vilanova)

  • Capela de San Pedro Fiz da Cazolga:
          Moderna construción do ano 1940, que vén substituír a antiga de San Fiz, situada no fondo deste val e que era unha supervivencia do mosteiro de San Félix e os Macabeos. Construída polo pai do Conde Santo. Ten un sinxelo retablo barroco popular sen imaxes, pois éstas gárdanse no museo de Vilanova.
  • Capela de Santa Cruz:
          Situada no barrio de A Tilleira, conta a lenda que dende este alto o fundador do mosteiro de San Salvador, o Conde Santo, tirou unha pedra que rodou ata o lugar onde está hoxe situado o mosteiro. Planta rectangular cuberta de madeira cunha rústica anteportada. Sobre a porta, o "signo paz", como indicador de pertenza ao mosteiro. Retablo sinxelo e moi popular cunha fornela e nela un crucifixo do século XVII. Aos lados, Virxe de vestir e talla popular de San Roque, do século XVI.
  • Capela de Nosa Señora da Gracia:
          Santuario fundado no século XVIII con pórtico rústico á entrada e, xunto a él, púlpito de pedra sostido por columnas románicas.
          Ten forma cadrada e está cuberta cunha cúpula vaída. Loce o escudo de pedra policromado, cos símbolos do mosteiro de San Salvador.
          Os retablos do seu interior son neoclásicos e a imaxe de Nosa Sra. da Gracia é barroca do século XVIII.
  • Fonte do Adro
          Coa exclaustración do mosteiro no ano 1853, deberonlle cortar a auga ao convento e por iso se fixo esta fonte por onde saían dous abundantes chorros de auga, procendente do lugar da fervedoira, que facían a ledicia dos viandantes. Construción feita en pedra de cadeirado.
  • Fonte da Gracia

 

      

Parroquia de San Tomé

  • Capela da Nosa Señora da O:
          Situada no antigo Real Coto de Canedo, reconstruída nos últimos anos na súa totalidade (por cuestación popular), sen que quede nada do antigo edificio. Conta cun retablo renacentista do século XVII, con dous corpos, e nela destaca a imaxe da Virxe da Expectación do Parto, repintada, de finais do século XVII. Da mesma época son as esculturas de Santo Antonio de Padua e San Miguel Arcanxo, o Pai Eterno. Talla de Santa Catarina de Alexandría, de finais do século XVI. Construída no ano 1962.
  • Capela de San Xosé:
          O ano de construcción é anterior a 1646, inda que sufriu un mínimo de tres reformas.
          Situada no barrio de Oural. Ten planta rectangular, espadana dun só corpo e pórtico rústico, ademáis da sancristía detrás do presbiterio. Cuberta de madeira a dúas vertentes, pavimento de lastras e pila de auga bendita de gallóns, do século XVII. Retablo moderno cun San Xosé, do século XVII, e un curioso grupo da Virxe impoñendo a casula de San Ildefonso, da mesma época; Santa Bárbara, popular; Santa Magdalena; un Santo monxe, século XVII. Dous floreiros de opalina do século XIX. Talla do Neno Xesús, século XVIII. Na sancristía, fermosa casula do século XVI.

 

      

Parroquia de Santo Adrao

  • Capela de Santo Estebo:
          Rústica construción de madeira na cuberta, precedida dun pórtico. Porta con lintel e, enriba arco que foi triunfal do primitivo edificio.
          Imaxe popular de Santo Estebo, repintada, con Cristo no anverso e Santo Estebo no reverso. Unha pedra miliar da época romana dun metro de altura serve de pía de auga bendita.
  • Capela de San Sebastián:
          Construción moderna do ano 1947, na que colaboraron os veciños, que vén substituír a antiga capela situada a uns 300 metros deste lugar, por problemas de humidades e mal situación, o que levaba a un mal estado de conservación.
          Imaxes de San Sebastián; San Vito, popular e San Sebastián, de bicar todas populares. Virxe románica, sentada, do século XII.