Centro de Interpretación da Faba

O Centro de Interpretación da Faba, promovido polo Concello de Lourenzá, abriu as súas portas en outubro do ano 2004. Este Centro naceu co obxectivo de difundir as características da leguminosa e as técnicas de cultivo tradicionais que dende hai séculos se empregan na Mariña lucense. 

A materialización do proxecto foi posible grazas aos fondos europeos do Plan Leader Plus Terras de Miranda.

Instalacións

Zona 1 - A faba no mundoSituado na planta baixa do museo, este espazo achega información sobre a orixe e evolución da especie arredor do mundo. A información estrictamente botánica, o descobremento de América e os costumes dos diferentes pobos constitúen os fíos conductores desta sala.

Zona 2 - A Faba de LourenzáPor que sobresaen de xeito especial as fabas que se cultivan no Val de Lourenzá? Esta zona da planta baixa resposta ao interrogante por medio de texto, imaxes e unha maqueta da zona.

Sala Túnel: Un dos espazos máis impactantes do Centro de Interpretación é este túnel cego de pedra, que mide 18 metros de lonxitude e lles serviu aos monxes como pasadizo de fuxida. Nel, baixo unha plataforma de vidro, poden verse diferentes apeiros empregados tradicionalmente no cultivo, recolección e procesado da Faba de Lourenzá.

Sala CíberUn dos altillos do museo está dotado de varios equipos informáticos conectados á rede, dende os que é posible consultar esta mesma web e outros recursos dispoñibles sobre o tema. Unha biblioteca de obras relacionadas complementa a información en liña.

Sala de ProxecciónsOs cinco espazos do museo complétanse cunha sala na que periodicamente se proxectarán diversos traballos relacionados coa Faba, de carácter divulgativo e artístico. Precisamente a arte será especial protagonista desta zona, que acollerá diversas exposicións.

 

Visitas Organizadas

O Centro de Interpretación da Faba de Lourenzá ofrece a posibilidade de realizar visitas organizadas, destinadas especialmente aos centros escolares. Os grupos deberán estar acompañados por alomenos un responsable que os atenderá no seu percorrido polo Centro. As visitas desenvolveranse durante o horario de apertura das instalacións, agás en casos excepcionais.

Horario do Centro

As instalacións do museo poden visitarse de luns a venres. O horario do Centro é de 9 a 14 h. e de 17 a 21 h, agás no mes de agosto durante o que estará aberto só en horario de mañá. Debe solicitarse previamente a apertura das instalacións nos teléfonos 982 12 10 06 ou 982 12 15 52.

Deberán solicitar unha visita organizada con antelación aquelas persoas ou grupos que desexen visitar o museo fóra dos horarios indicados, en festivos ou fins de semana. Se desexa obter información adicional ou consultar a dispoñibilidade de datas pode facelo a través do formulario de contacto. Ademais pode concertar a súa visita en liña, cunha antelación mínima de 48 horas.

 

Cómo Chegar

O mosteiro de San Salvador está situado no centro do núcleo urbano de Lourenzá. Nas súas dependencias atópase o Centro de Interpretación da Faba.

Plano das Instalacións

O Centro de Interpretación da Faba de Lourenzá ocupa as antigas cabaleirizas do mosteiro. Está conformado por dous andares, que se dividen ao tempo nas seguintes zonas temáticas:

Baixo: 1- A faba no Mundo / 2- A Faba de Lourenzá / 3- Sala Túnel
Primeiro andar: 4- Biblioteca - Sala Cíber / 5- Sala de Proxeccións