A Festa da Faba

Introdución

A Festa da Faba naceu en 1990 froito dunha iniciativa do Concello de Lourenzá para promocionar o consumo da leguminosa e incrementar o seu prezo. Dende aquela primeira edición, que consistiu na celebración dun concurso de fabas,aumentáronse paulatinamente as actividades organizadas. 

Actualmente este acontecemento reune no Concello a primeira fin de semana de outubro a produtores, compradores, tratantes e consumidores da Faba de Lourenzá; un legume que xa se exporta na actualidade a mercados como os de Madrid ou Barcelona. 

Na Festa da Faba, que cada ano atrae a milleiros de persoas, combínanse a exaltación gastronómica e a celebración de eventos lúdicos e culturais. Así, as exposicións, o baile, a música ou o teatro contan xa cun espazo de seu no programa de actos.

Inicialmente a Festa, declarada de Interese Turístico Galego pola Xunta de Galicia, celebrábase integramente o primeiro domingo de outubro. Dende o ano 2003 esténdese ao longo de toda a fin de semana cun notable incremento das actividades propostas.

O principal obxectivo da celebración é promover a Faba de Lourenzá como un produto de calidade con proxección de futuro. A celebración pretende, asemade, apoiar aos colectivos de fabeiros, hostaleiros e comerciantes, imprescindibles no desenvolvemento económico deste legume.

Noutra orde de cousas, salienta a potenciación da Faba de Lourenzá como un produto delicatessen dentro da nosa gastronomía. Por último, preténdese dar a coñecer os bens patrimoniais e culturais do val de Lourenzá, unha zona que desenvolve a súa actividade arredor do cultivo e a comercialización da faba.

Cando a natureza é arte

A arte e a faba están intimamente vencelladas dende hai anos. Na novena edición da Festa da Faba, en 1999, adoptouse o lema Cando a natureza é arte para reflectir esta relación.

Xa se celebraba daquela o Concurso Fotográfico da Festa da Faba. Un certame que premiaba as mellores instantáneas sobre un tema, distinto cada ano, que é fixado pola organización.

A lenda das artes

Indo máis aló, na XI edición nacía A lenda das artes. Dende o 2001 poríase en valor o cartel promocional da Festa, que a partir dese momento pasou a ser deseñado por recoñecidos artistas vencellados coa comarca de Lourenzá.

Así, unha técnica diferente plasma cada ano a relación existente entre a arte e a natureza que agroma na bisbarra. A fotografía foi a técnica elixida para que botara a andar a iniciativa. Así, o cartel de 2001 baseouse na instantánea premiada no Concurso Fotográfico. O collage e o gravado protagonizaron o cartel das edicións vindeiras.

Paralelamente, e como reforzo desta dimensión arística, pode visitarse no Concello unha exposición dos traballos realizados polo artista encargado de confeccionar o cartel.

Concurso fotográfico

Un expoñente máis desta relación é o concurso fotográfico que está a acadar unha gran relevancia dentro dos circuítos nacionais. Arredor de 120 obras concorren ao certame, que en cada edición trata dunha temática diferente proposta pola organización.

Dentro destes temas acoutados existen dúas categorías diferenciadas. A primeira delas contempla traballos relacionados directamente coa comarca, mentres que na segunda compiten instantáneas cinguidas unicamente ao tema establecido.

 

Durante o transcurso da Festa, así como nos quince días posteriores á mesma, poden contemplarse no Claustro do Mosteiro de San Salvador as obras presentadas ao certame.