Novas

A Secretaría Xeral para o Deporte realizará un estudo para analizar a posibilidade de dotar a Lourenzá dun novo campo de fútbol

Lourenzá, 5 de febreiro de 2013. Un arquitecto da Secretaría Xeral para o Deporte estivo en Lourenzá visitando as instalacións deportivas do concello e coñecendo de preto as necesidades que os laurentinos teñen nesta materia. A Xunta cumpre así co acordado no encontro que mantivo en Santiago a alcaldesa, Emma Álvarez, o pasado mes de decembro e no que demandou un campo de fútbol de herba sintética para Lourenzá.

Emma Álvarez considera moi importante a presencia de Lourenzá en Fitur. A alcaldesa di que os monumentos, a paisaxe e a faba están presentes nesta cita no stand de Turgalicia

Lourenzá, 1 de febreiro de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez, considera moi importante a presencia do seu concello en Fitur en Madrid.

A rexedora dixo que “é unha experiencia vir a Fitur, tendo en conta que é a primeira vez que como alcaldesa visito estas instalacións e tamén a primeira vez que me achego a esta cita. Considero que é moi importante para un concello pequeniño como é o de Lourenzá estar aquí presentes”.

O presidente de Sogama pronunciou onte unha charla sobre a reciclaxe de residuos na Casa da Cultura de Lourenzá

O presidente de Sogama, Luis Lamas, pronunciou onte á tarde unha charla sobre a reciclaxe de residuos no salón de actos da Casa da Cultura de Lourenzá. Lamas falou da reciclaxe, da estructura de Sogama do custe que ten para os Concellos todo este proceso. En palabras da alcaldesa, Emma Álvarez, "a charla resultou moi ilustrativa e moi interesante". Os máis de 70 asistentes recibiron unha bolsa con material divulgativo e publicitario como bolígrafos de cartón reciclado, lapiseiros, imáns de neveira ou receitarios de cociña.

O Concello donará as dietas do pleno ordinario, previsto para o 15 de febreiro, e a recadación do partido de fútbol que disputarán o Lourenzá e o Foz o vindeiro domingo a Sandra Llopis

Lourenzá, 29 de xaneiro de 2013. O Concello de Lourenzá solidarízase coa ribadense Sandra Llopis, que sigue a recadar fondos para realizar o transplante de córnea que precisa no Centro de Oftalmoloxía Barraquer. Nas últimas horas a alcaldesa, Emma Álvarez, o concelleiro de Deportes e presidente das Escolas Deportivas, Pablo Maseda, e o secretario das Escolas Deportivas, Rubén García, mantiveron un encontro con Sandra Llopis e a súa familia para coñecer de preto o seu caso.