Lourenzá, 1 de febreiro de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez, considera moi importante a presencia do seu concello en Fitur en Madrid.
A rexedora dixo que “é unha experiencia vir a Fitur, tendo en conta que é a primeira vez que como alcaldesa visito estas instalacións e tamén a primeira vez que me achego a esta cita. Considero que é moi importante para un concello pequeniño como é o de Lourenzá estar aquí presentes”.
Emma Álvarez lembrou que “ésta é a terceira feira máis importante de Europa e son moitos os touroperadores que visitan todos os stands, e Lourenzá non podía deixar de estar presente. Aquí está o noso mosteiro, o pazo de Tovar, os nosos ríos, a faba de Lourenzá… todo está no expositor de Turgalicia. Cada un dos recunchos do noso concello está nos dípticos que calquera persoa que pase por aquí pode recoller ao tempo que se van pasando imaxes de Lourenzá e do resto da comarca da Mariña”.
Por Fitur pasaron esta mañá o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e a delegada territorial do goberno galego en Lugo, Raquel Arias.