EL GOBIERNO MUNICIPAL PROPONE AL PLENO DE LA CORPORACIÓN SOLICITAR A LA REAL ACADEMIA GALEGA QUE DEDIQUE AL LAURENTINO FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO EL DÍA DAS LETRAS GALEGAS EN EL AÑO 2020, CUANDO SE CUMPLIRÁ EL DÉCIMO ANIVERSARIO DE SU MUERTE

O goberno municipal de Lourenzá propón ao pleno da corporación municipal que o Concello solicite á Real Academia Galega que dedique ao laurentino Francisco Fernández del Riego o Día das Letras Galegas no ano 2020, cando se cumprirá o décimo aniversario do seu pasamento.
A concelleira de Cultura en Lourenzá, Lupe Flórez Seivane, explicou hoxe que o obxectivo desta iniciativa é que “os outros dous grupos que forman a corporación municipal apoien a nosa proposta de que no 2020, cando se cumpren os dez anos do pasamento do noso fillo predilecto don Francisco Fernández del Riego, a Real Academia Galega teña en consideración dedicarlle o Día das Letras Galegas, sendo como foi un dos principais precursores de que exista e se celebre esa xornada. Para nós o feito de que se inclúa no pleno do 16 de maio é tamén como unha especie de homenaxe a ese referente das letras galegas como foi don Paco Fernández del Riego e tamén á propia data das Letras Galegas, que é o próximo sábado, 17 de maio”.
Lupe Flórez engadiu que “na exposición de motivos facemos unha breve recensión bibliográfica na que destaca o carácter que como activista cultural e do mundo académico tivo don Francisco Fernández del Riego nos seus 97 anos de vida e finalmente facemos unha pequena incursión no que é a parte máis vinculada ao noso concello, a Lourenzá. Somos conscientes de que a súa vila natal estivo presente no seu recordo, no seu pensamento e na súa lembranza ao longo de toda a súa vida, aínda que nos últimos anos, por motivos de saúde, non puido visitarnos tan asiduamente como seguramente a el lle gustase e fose o seu desexo. Pero dende a súa nenez Lourenzá quedou gravada no seu recordo. Houbo varios relatos, concretamente un titulado Lourenzá e outro que levaba por título O Cego de Pumardedón, que o chegaron a converter nunha especie de cronista daquelas datas da época laurentina que deixaron pegada na súa lembranza”.
A edil de Cultura comentou tamén que “xa dende o propio Concello, o recoñecemento que no ano 2001 se lle fixera nomeándoo fillo predilecto do concello de Lourenzá pensamos que tamén foi, en certa medida, reverter aquela vinculación que don Paco sentiu sempre pola súa vila natal”. Ademais destacou que “foron numerosas as doazóns que fixo de volumes bibliográficos para a biblioteca pública municipal de Lourenzá ao longo da súa vida; o último deles quedara pendente e fíxosenos chegar despois da data do seu pasamento”.
Flórez Seivane rematou explicando que “por todos estes motivos pensamos que é de xustiza que o principal artífice de que exista o Día das Letras Galegas teña o recoñecemento nesa propia data, fundamentado tanto pola súa labor académica como pola súa produción que a nivel cultural deixou como legado para a historia de Galicia. Pensamos que é unha data especial o vindeiro 16 de maio para facer esta proposta e tamén pensamos que os outros dous grupos que conforman a corporación municipal van ter a ben apoiar esta moción para que a poidamos facer chegar á Real Academia Galega. E tamén temos presente que se chega a celebrarse ese Día das Letras Galegas dedicado á figura de don Francisco Fernández del Riego tamén sería de xustiza que algún dos actos que se puideran celebrar tivese como sede o noso concello, que foi a vila que o viu nacer”.