EL AYUNTAMIENTO TIENE EN MARCHA UNA CAMPAÑA PARA CAPTAR NUEVOS VOLUNTARIOS PARA LA AGRUPACIÓN LOCAL DE PROTECCIÓN CIVIL Y ACOGER UN CURSO DE NIVEL BÁSICO EN EL SEGUNDO SEMESTRE DE ESTE AÑO

O Concello de Lourenzá ten en marcha unha campaña para captar novos voluntarios para a agrupación local de protección civil e acoller un curso de nivel básico no segundo semestre deste ano.
A alcaldesa, Emma Álvarez Chao, anunciou hoxe que “a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Lourenzá e o Concello estamos en plena campaña de captación de novos membros. Temos previsto solicitar un curso de nivel básico de protección civil e as persoas que o fagan terán un título da Academia Galega de Seguridade Pública. A intención é realizalo aquí, no noso concello, no segundo semestre deste ano 2014, sempre e cando haxa un número mínimo de xente que estea interesada en formar parte da agrupación e en facer este curso para poder ser voluntario de pleno dereito. Desta maneira, facéndoo en Lourenzá, afórranse os desprazamentos a outros concellos para poder realizar este curso de nivel básico, que dá acceso a ser voluntario de protección civil e permite poder participar en operativos de protección civil, pero é o inicio da formación. Posteriormente poderán acceder a outros cursos, de segundo nivel, que poden ser por exemplo de busca e salvamento en montañas e zonas illadas, de prevención e loita contra incendios urbanos e forestais e mesmo de accidentes en estrada”.
Para a rexedora municipal “é importante que a agrupación de Lourenzá aumente o número de voluntarios. Isto non quere dicir que as persoas que están agora o vaian a deixar, todo o contrario, pero o que se pretende con esta captación de novos voluntarios é que haxa un maior número de persoas para que se vaian rotando nos operativos e así non teñan que estar traballando altruistamente sempre os mesmos”.
Emma Álvarez rematou explicando que “os interesados en obter máis información poden chamar ao teléfono do Concello, 982.12.10.06, e preguntar por José Cuadrado ou pasar polas oficinas municipais ou tamén poden chamar ao xefe de protección civil, José Álvarez, ao teléfono 659.55.33.67”.