COMIENZAN LOS PREPARATIVOS DE LA FESTA DA FABA 2014 CON LA CONVOCATORIA DEL CONCURSO PARA ELEGIR EL CARTEL ANUNCIADOR DEL EVENTO. EL CERTAMEN ES ABIERTO A PARTICIPANTES DE TODAS LAS EDADES Y EL PLAZO PARA PRESENTAR TRABAJOS CONCLUYE EL 21 DE JULIO

Comezan os preparativos de cara á Festa da Faba 2014 coa convocatoria do concurso para elixir o cartel anunciador do evento, que se celebrará os días 4 e 5 de outubro. Nesta ocasión o certame é aberto a participantes de todas as idades e o prazo para a presentación de traballos rematará o 21 de xullo.
A concelleira de Cultura en Lourenzá, Lupe Flórez Seivane, anunciou que “comezan a darse os primeiros pasos nos preparativos para a edición deste 2014 da nosa Festa da Faba. Na xornada de hoxe vimos de presentar a segunda edición do concurso de carteis para anunciar a mencionada festa. Como no ano anterior, o Concello de Lourenzá e a asociación de comerciantes, industriais e autónomos de Lourenzá (ACIAL) convocamos un concurso de carteis co gallo nesta ocasión da 24ª Festa da Faba, que terá lugar o primeiro fin de semana de outubro”.
Lupe Flórez destacou que “a novidade principal respecto ás bases do ano pasado é que na edición anterior era un concurso de carácter infantil e, tendo en conta que o ano pasado houbera moita xente que se interesara por presentar traballos pero quedaban excluídos pola súa idade, este ano decidimos por parte das dúas entidades organizadoras abrir a franxa de idade. Polo tanto é un concurso aberto a todas aquelas persoas interesadas en elaborar o cartel que anuncie a nosa festa máis recoñecida”.
A edil de Cultura engadiu que as bases do certame “recollen que é obrigatorio que no traballo para o cartel apareza o título de 24ª Festa da Faba e a data na que se vai celebrar este ano, que vai ser os días 4 e 5 de outubro. Mantemos a liberdade de soportes e de técnicas a empregar. Os traballos poderán presentarse ata o 21 de xullo na biblioteca municipal en horario de 5 a 8 da tarde ou ben por correo ordinario á dirección das oficinas municipais. De todos cantos traballos se presenten vamos elixir un único gañador, que será o que se representará no cartel anunciador para todos aqueles eventos que se inclúan nesta 24ª Festa da Faba, correspondente a este ano 2014. Todos os traballos que se presenten van quedar como patrimonio do Concello, reservándonos o dereito a facer uso dos mesmos citando a súa autoría”.
Flórez Seivane rematou explicando que as bases do concurso de carteis “van poder ser consultadas tanto na páxina web oficial do Concello de Lourenzá (www.concellodelourenza.es) como nos perfís que nas redes sociais ten o Concello de Lourenzá, onde se detallan especificamente os doce puntos que teñen as bases”.