LA ASOCIACIÓN DE SENDERISMO TERRAS DE LOURENZÁ ORGANIZA LA RUTA PENA DO CASTELO PARA LA JORNADA TODOS CARA TOVAR, QUE SE CELEBRARÁ EL DÍA 29 DE ESTE MES

A asociación de sendeirismo Terras de Lourenzá organiza unha ruta a pé denominada Pena do Castelo dentro das actividades da xornada Todos cara a Tovar, que se celebrará o día 29 deste mes.
O presidente do colectivo Terras de Lourenzá, Miguel Gavín, explicou hoxe que “esta foi unha idea que xurdiu a raíz de que o Pazo de Tovar fora rehabilitado e aberto ao público pensando en que as asociacións do concello se xuntaran para facer unha xornada alí de promoción e divulgación do noso patrimonio. Esa foi a idea inicial e despois apuntáronse unha serie de asociacións e saíu un día de convivencia. Cada asociación aporta o que é a súa razón de ser e neste caso facemos unha ruta de sendeirismo, que parte e volve alí”.
Miguel Gavín engadiu que se fai esta ruta porque “a Pena do Castelo é unha zona na parte alta da parroquia de San Adriano onde houbo unha mina de ferro hai xa moitos anos e onde parece ser que sobre esa pena, que é grande como a proa dun barco, houbo unha fortificación nalgún momento. E iso está recollido por historiadores, que manteñen que aló houbo unha fortificación e incluso que debaixo daqueles escombros e maleza hai algún resto e vestixio dela. Iso está recollido nun libro que se fixo sobre o Pazo de Tovar, xurdiu nunha reunión que isto podía integrarse e así vai ser. A aproximación á ruta vámola facer en autobús porque senón sería moi longo e non cumpriríamos os horarios previstos para estar alí a mediodía. Sairemos de Ferreira de Oural, que é a parte alta, a onde dá esa zona de San Adriano que colinda xa con Mondoñedo. Á altura desa pena haberá unha pequena información para todos os que vaian sobre o que había alí e despois empezaremos a andar. Son aproximadamente 8 quilómetros e baixaremos por San Adriano, Vilar, Rodeiro, As Pantigueiras, Redondelo, O Castro, ata a igrexa de San Adriano e dende alí cara ao castelo de Tovar outra vez. A ruta é costa abaixo e fácil”.