EL AYUNTAMIENTO CONVOCA UN PUESTO INTERINO PARA LA OFICINA TÉCNICA MUNICIPAL A MEDIA JORNADA PARA CUBRIR UNA BAJA

O Concello de Lourenzá convoca un posto interino para a oficina técnica municipal a media xornada para cubrir unha baixa. Anunciouno hoxe a alcaldesa, Emma Álvarez Chao.
“Facemos públicas as bases reguladoras para cubrir un posto de interinidade na oficina técnica do Concello. Desta maneira vamos cubrir a vacante que xurdiu por enfermidade da traballadora habitual. É para media xornada polo tempo que dure a baixa e terá un salario bruto de 438,88 euros”, explicou a rexedora municipal, quen tamén especificou que “a persoa que realizaba este traballo leva oito meses de baixa, tempo no que non se cubriu esta vacante e vémonos na obriga de facelo agora pola acumulación de tarefas que se está a producir e porque vemos que se están empezando a colapsar os expedientes desta oficina que tíñamos que sacar adiante. Así mesmo ante o período estival esta persoa é necesario que veña traballar para que poida coller as vacacións o persoal que durante todo o ano estivo facendo o seu labor”.
Emma Álvarez engadiu que “esta vacante é para un auxiliar administrativo para a oficina de rehabilitación do ARI, aínda que as tarefas que vai desenvolver son moitas máis que as de cubrir as necesidades desa oficina. Esta persoa atenderá o punto de información catastral, que é un servizo de apoio aos veciños co que evitan desprazamentos a Lugo para facer trámites sinxelos ante o Catastro. Tamén se leva a cabo a tramitación administrativa de solicitudes de subvención relacionadas con Vivenda e Solo e de licencias urbanísticas; solicitudes ao abeiro da ordenanza reguladora do uso e aproveitamento especial das vías públicas e espazos de titularidade municipal; tratamento de expedientes técnicos vinculados á Concellería de Camiños, Obras, Feiras e Persoal; revisión e actualización do servizo de recollida dos residuos sólidos urbanos; tramitacións administrativas de expedientes adscritos ao Camiño de Santiago; e outro tipo de tramitacións administrativas que estanse vendo neste momento colapsadas por non dispoñer de persoal necesario para poder saír a facer traballo de campo”.
A alcaldesa rematou comentando que “esta vacante cubrímola mediante un concurso oposición e as persoas interesadas terán 10 días hábiles, dende a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, para presentar as solicitudes así como a documentación requirida aquí, nas oficinas municipais. Dende o día de hoxe as bases estarán expostas no taboleiro de anuncios e tamén na páxina web do Concello para aquelas persoas que queiran ir consultándoas”.