Lourenzá, 8 de outubro de 2013. Dende o 1 de xaneiro ata o 30 de setembro deste ano 2013 pasaron por Lourenzá 2.751 peregrinos. Este dato foi dado a coñecer hoxe pola alcaldesa, Emma Álvarez Chao, quen destaca a importancia que ten o Camiño de Santiago para a economía do concello.
“Rematada a época do ano na que máis peregrinos fan o Camiño de Santiago cómpre facer un balance dos que pasaron polo noso concello, que no que vai de 2013 foron 2.751, a data 30 de setembro. Destes peregrinos houbo 2.251 que pernoctaron no albergue e outros 500 tivemos que levalos ao polideportivo, posto que se nos quedaba pequeno o albergue municipal. A maiores hai outros que tamén pasan a noite en Lourenzá en casas de turismo rural ou nalgún establecemento que se abriu paralelo ao Camiño. Os meses de máis afluencia de peregrinos foron xullo e agosto, cando rexistramos 581 e 557 respectivamente”, explicou a rexedora municipal.
Diante destas cifras Emma Álvarez destacou que “isto quere dicir que en Lourenzá xérase unha economía en torno ao Camiño de Santiago, polo cal nos parece moi importante mantelo coidado e que a delimitación que neste momento está en exposición pública se mire con detalle, a fin de que non se vexa minguada a afluencia de peregrinos por calquera das variantes do Camiño Norte que atravesan o noso concello nas dúas propostas que está neste momento barallando a Xunta de Galicia”.