ABRÍU HOXE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA OS COMERCIANTES QUE QUEIRAN PARTICIPAR NO II MERCADO DE NADAL, QUE SE CELEBRARÁ OS DÍAS 20 E 21 DE DECEMBRO

Hoxe abriuse o prazo para que os comerciantes que desexen participar no II Mercado de Nadal de Lourenzá poidan facelo inscribíndose antes do 5 de decembro no teléfono 658.04.40.39. Este mercado está organizado pola asociación de comerciantes, industrias e autónomos de Lourenzá (ACIAL) en colaboración co Concello e levarase a cabo o fin de semana do 20 e 21 de decembro. Nel poderán participar tódolos membros da asociación de comerciantes, que non precisarán levar a cabo inscrición algunha. Os que si terán que apuntarse son tanto os veciños que se dediquen a calquera actividade comercial na vila sen estar asociados a ACIAL como os comerciantes que procedan de fóra de Lourenzá, sempre e cando leven a cabo unha actividade novidosa, que non estea xa representada neste mercado.

A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, anunciou que “o fin de semana do 20 e 21 de decembro celebrarase en Lourenzá o II Mercado de Nadal, que está organizado pola Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá en colaboración co Concello. Para levar a cabo este mercado ábrese un prazo agora para que a xente de fóra do concello ou mesmo xente que ten os seus establecementos no concello pero que por calquera motivo non está dado aínda de alta na asociación de comerciantes poidan inscribirse e expoñer os seus produtos neste mercado, no que paralelamente se fan outro tipo de actividades. O prazo para aquelas persoas que queiran anotarse remata o 5 de decembro e terán que poñerse en contacto coa tesoureira da Asociación de Comerciantes, Lucía Cajoto, no teléfono 658.04.40.39”.

A rexedora municipal aclarou que “as prazas están reservadas para aqueles comerciantes que non xeren a mesma actividade cos que xa están no noso concello e van a estar presentes neste mercado”.