Lourenzá, 10 de xuño de 2013. As actividades para conmemorar o Día do Medio Ambiente no concello de Lourenzá rematarán mañá, martes, coa entrega de premios do concurso escolar de fotografía sobre a natureza na Mariña lucense e a continuación unha charla a cargo do profesor Miguel Delibes de Castro. Será ás oito da tarde no salón de actos da Casa do Concello.
O acto empezará coa entrega dos regalos que lles corresponden aos seis estudantes premiados no concurso de fotografía. Seguidamente terá lugar a conferencia “que impartirá o doutor Miguel Delibes de Castro, que é profesor de investigación e neste momento preside o consello de participación do espazo natural de Doñana. A charla leva por título ¿Por que conservar a natureza?”, explicou a alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao.
Co acto de mañá rematarán as actividades programadas dentro da Semana do Medio Ambiente polo Concello de Lourenzá, a Consellería de Medio Ambiente e a Obra Social La Caixa, que empezaran o día 1 deste mes coa limpeza no río Baos.
As 77 fotografías presentadas ao concurso de fotografía poden verse na sala de exposicións do Concello ata este vindeiro venres, día 14, en horario de cinco a oito da tarde.