AS ACTIVIDADES DE NADAL INCLÚEN UN ESPECTÁCULO DE MONICREQUES, A VISITA DE PAPÁ NOEL, UNHA VIAXE A XUVENLUGO E A CABALGATA DE REIS, ENTRE OUTRAS PROPOSTAS

A programación das actividades organizadas polo Concello de Lourenzá para este Nadal arranca este venres, día 18, ás 15:20 horas cunha actuación de Títeres Cascanueces no colexio público Juan Rey.

Xa partir da vindeira semana bota a andar a Escola de Nadal impartida por persoal do Ximnasio Municipal con actividades dirixidas aos máis novos.

O día 23 de decembro Papá Noel visitará as instalacións do centro de día, do Punto de Atención a Infancia e arredor das seis da tarde recibirá na portería da Casa do Concello a todos os nenos cunhas lambetadas. A continuación proxectarase un filme dirixido ao público infantil.

O domingo, 27 de decembro, ás 18:00 horas, terá lugar un concerto de panxoliñas na Igrexa Parroquial de Vilanova a cargo da Asociación Osorio Gutiérrez. Para o día 28 o Concello está a organizar unha viaxe a Xuvenlugo para nenos e nenas de idades comprendidas entre 3 e 16 anos.

O día 30 de decembro os nenos e nenas da Asociación Osorio Gutiérrez farán un percorrido polas rúas de Vilanova pedindo o tradicional aguinaldo a partir das seis e media da tarde.

A programación remata o día 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis cun percorrido polas parroquias do municipio.

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explicou que as actividades están pensadas para todos os grupos de idade e chamou á solidariedade cos que menos teñen: “pensamos nunha programación con múltiples actividades lúdicas e culturais destinadas para o goce de toda a familia. Son actos pensados para todos os sectores de idade, pero máis especialmente para os máis novos, que son os verdadeiros protagonistas da ilusión destas datas. O obxectivo principal é poñer en valor as tradicións e as costumes asociadas ás festas do Nadal e favorecer a participación e integración en familia. É unha labor importante fomentar a conciencia social e a solidariedade nunhas datas tan importantes coma estas. Debemos ter presente a toda aquela xente que non ten teito nin un alimento para levar a boca, nin tan sequera un familiar con quen pasar en compañía estas festas. Nestas datas máis que nunca debemos ser solidarios con todos eles”.

 

 

AS ACTIVIDADES DE NADAL INCLÚEN UN ESPECTÁCULO DE MONICREQUES, A VISITA DE PAPÁ NOEL, UNHA VIAXE A XUVENLUGO E A CABALGATA DE REIS, ENTRE OUTRAS PROPOSTAS