A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, aclarou esta mañá que o soldo que percibirá o segundo tenente de alcalde pola súa dedicación parcial, de 400 euros brutos ao mes, cóbrese coa redución de salario da actual rexedora respecto ao que tiña a anterior alcaldesa, baixada que xa se aplicou ao inicio do actual mandato municipal. Dende ese momento o Concello tamén aforra a totalidade do soldo que cobraba o tenente de alcalde do anterior goberno local.
A dedicación parcial de 30 horas para o segundo tenente de alcalde e concelleiro de Obras, Urbanismo, Infraestruturas e Tráfico tratarase no pleno ordinario da corporación municipal que se celebrará hoxe, martes, día 31, ás 20:30 horas. Rocío López explicou que esa Concellería “é unha das que require maior dedicación e, sobre todo, unha maior presenza nos problemas e nas necesidades diarias dos cidadáns. Conscientes desta realidade e ante as constantes peticións dos veciños que requiren ter contacto co concelleiro de Obras, decidimos habilitar un día á semana para que este edil estea dispoñible para atender as demandas dos veciños. Entre outras tarefas, tamén será o encargado de contactar coas empresas madeireiras da zona e velar pola boa conservación e mantemento dos viarios municipais”.