Lourenzá, 22 de novembro de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, asinará un convenio co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, para facer obras de mellora nas rúas Fernández del Riego e Muíño do Frade. Foi aprobado en xunta de goberno local, na que ademais deuse a coñecer que o municipio conta co servizo de hospitalización a domicilio, do que xa se beneficia un veciño.
A rexedora municipal explicou hoxe que na xunta de goberno “deuse conta dunha circular que nos mandaron desde o Hospital da Costa porque incluíron a Lourenzá dentro do programa de hospitalización a domicilio. É moi positivo para todos os veciños do noso concello e sobre todo para aquelas persoas que poidan ter unha enfermidade longa e que non sexa necesario que estean hospitalizadas. E así cónstame que a día de hoxe xa hai unha persoa do municipio que está sendo atendida a través deste servizo de hospitalización a domicilio”.
Emma Álvarez tamén anunciou que foi aprobada “a sinatura do convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Lourenzá mediante o cal se van realizar as obras de reparación de beirarrúas e servizos xerais nas rúas Fernández del Riego e Muíño do Frade. Este convenio será asinado en breve polo conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, e por min, como representante deste Concello. Con esta reparación vamos arranxar algún defecto que ten o saneamento nesas rúas e, como se están facendo edificacións novas, vamos aproveitar para soterrar a liña eléctrica e tamén a do teléfono”.