A ALCALDESA CONSIDERA INXUSTA A CENTRALIZACIÓN DOS EXAMES TEÓRICOS PARA O CARNÉ DE CONDUCIR EN LUGO PORQUE SUPÓN UN INCONVENIENTE PARA OS ALUMNOS DA MARIÑA E O DESMANTELAMENTO DUN SERVIZO NA COMARCA

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, considera inxusta a centralización dos exames teóricos para o carné de conducir en Lugo porque supón un inconveniente para moitas das persoas da Mariña que teñan que desprazarse á capital da provincia para facer esa proba.

A rexedora explicou que “Foz queda moi cerca, nun punto moi céntrico e estratéxico da Mariña, escasamente a 15 minutos de Lourenzá e tamén moi próximo doutros municipios da comarca. Ir a Foz para facer os exames teóricos de conducir era cómodo e práctico para os alumnos, tanto no referente ao medio de desprazamento como no tempo necesario. Con esta decisión son moitos os concellos e os cidadáns que se ven afectados e supón o desmantelamento dun servizo na Mariña”.

Rocío López rematou comentando: “eu recordo dende sempre facer estes exames en Foz e paréceme inxusta esta decisión de querer centralizar todo en Lugo capital”.