A ALCALDESA CONVOCA UNHA REUNIÓN PARA INFORMAR SOBRE A RECUPERACIÓN DO DENOMINADO MERCADO DAS PRAZAS, QUE SE CELEBRABA OS DOMINGOS EN VILANOVA. A XUNTANZA TERÁ LUGAR NO SALÓN DE ACTOS DO CONCELLO O DÍA 15 DESTE MES

A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, convoca unha reunión para informar sobre a recuperación do denominado Mercado das Prazas, que se celebraba os domingos en Vilanova. A xuntanza terá lugar no salón de actos da Casa do Concello o día 15 deste mes, venres, ás 21 horas.

A rexedora municipal explicou que “o motivo desta xuntanza é recuperar e poñer outra vez en marcha este mercado que se celebraba os domingos en Lourenzá ó longo da década dos 70 do século pasado” e engadiu que decidiron convocar a todos os produtores “para ver que interese terían en participar en dito mercado. Nesta xuntanza trataranse temas relacionados co funcionamento do mesmo e recolleranse propostas e suxestións dos propios produtores que queiran participar”.

Rocío López destacou que “o obxectivo é retomar a actividade de mercado de produtos de proximidade, sobre todo de horta e de artesanía da alimentación. Estará orientado á venda de produtos da horta ou agrícolas, todos eles cultivados na comarca na que se integra Lourenzá. En función da xente que estea interesada en poñer un posto analizarase a viabilidade do proxecto e segundo o interese que teñan os produtores e do tipo de produtos que queiran poñer á venda en dito mercado estudaranse as datas previstas para a súa celebración e tamén a súa periodicidade”.