A ALCALDESA CRITICA Á DEPUTACIÓN PROVINCIAL POR REXEITAR DE NOVO A TITULARIDADE DA ESTRADA COÑECIDA COMO CAMIÑO A E ESIXIR AO CONCELLO QUE FAGA MELLORAS NESE VIAL QUE SUPORÍAN UN ELEVADO INVESTIMENTO. ÁLVAREZ CONSIDERA QUE É UN CASO DE SECTARISMO POLÍTICO

Lourenzá, 9 de xullo de 2013. A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, critica hoxe ao goberno da Deputación Provincial de Lugo porque lle remitiu unha nova comunicación rexeitando facerse cargo da titularidade da estrada coñecida como Camiño A e esixindo ao Concello que faga melloras nese vial que precisarían un elevado investimento. A rexedora considera que é un claro caso de sectarismo político por parte do organismo provincial debido a que en Lourenzá goberna o Partido Popular.

Emma Álvarez explicou que “despois de varios intentos por parte do Concello e do grupo popular na Deputación de Lugo para que se fixera efectivo o traspaso entre a estrada provincial LU-2801 e o Camiño A, que vai dende San Xorxe a San Adriano, posto que había dende o ano 2005 acordos plenarios tanto do Concello de Lourenzá como da Deputación de Lugo para que se fixera efectivo ese transvase, o pasado 30 de maio recibimos un modelo de convenio a asinar onde nos dicían que tiña que estar en perfecto estado o tramo que nos íamos entregarlles a eles. Nese convenio non especificaban que obras tíñamos que facer e pola nosa parte pensamos en todo momento que se referían á ponte sobre o río Batán, no lugar de Sendín, que levou as riadas de xaneiro. Por iso o que lle mandamos á Deputación foi o presuposto e o proxecto que ten Augas de Galicia para acometer estas obras, que sairán a licitación, posiblemente nos vindeiros días, por importe de 47.343,61 euros”.

A alcaldesa engadiu que “unha vez recibida por eles esa documentación a nosa sorpresa chega cando nos mandan un informe onde nos din que os arranxos que temos que acometer non son soamente nesa ponte sobre o río Batán, senón que, segundo a Deputación de Lugo, existe un punto negro entre a intersección da estrada comarcal LU-122 e o Camiño A. Entón din que non deben recibir esta estrada porque non cumpre a normativa vixente. A este respecto a inversión que lle supoñería ao Concello facer a obra que eles nos piden supera os 100.000 euros, polo que sería practicamente imposible poder facelo de xeito inmediato para poder asinar este convenio. E ademais de pedirnos evitar este punto negro tamén nos mandan aglomerar en quente o total do vial”.

Emma Álvarez lembra que “no ano 2007, cando eles chegaron ao goberno, aparte de un convenio por firmar para o traspaso das dúas estradas, a da Deputación pola do Concello, había tamén un proxecto para reformar o Camiño A no que ía incluído tamén esa intersección”. Tamén explicou que “o motivo polo cal se quere cambiar, xa dende o ano 2005, a titularidade destas dúas estradas é porque a da Deputación de Lugo atravesa un núcleo rural e sería máis propio que a mantivera o Concello, mentres que o Camiño A é un vial de titularidade municipal con case tres quilómetros de lonxitude polo que circula moito tráfico, sobre todo camións pesados que veñen da zona de Riotorto, Augaxosa ou A Pontenova cara a Lourenzá ou outras partes da Mariña”.

“Non nos parecen de recibo estas esixencias e isto é un motivo máis que pon de manifesto o sectarismo político que está a levar a cabo o goberno da Deputación de Lugo, tanto os socialistas como os nacionalistas, que xa nin nos reciben. Con isto o que fan non é danar aos dirixentes do PP, senón que están prexudicando aos veciños que elixiron aos dirixentes do PP para levar as rendas do seu pobo. Chega con ver os distintos convenios que asina a Deputación de Lugo e as distintas actividades que realiza para comprobar en que concellos se están centrando”, manifestou a rexedora.

Para Álvarez “ao non poder facer este traspaso de estradas entre a Deputación e o Concello os que perden son os veciños de Lourenzá e sobre todo os da parroquia de San Adriano, que son os que máis utilizan esta vía. Parece mentira que a portavoz socialista no Concello sexa precisamente desta parroquia e que o núcleo duro do PSOE no concello de Lourenzá estea tamén en San Adriano e que non fixeran nada para que a Deputación de Lugo cumprira por fin un acordo que xa está tomado dende o ano 2005”.

Ademais a alcaldesa anunciou que “dende o equipo de goberno estudaremos a non transferencia desta estrada, posto que entendemos que os gobernantes non estamos para andar en polémicas continuas e menos por cuestións partidistas. A Xunta, concretamente o ente Augas de Galicia, investirá 47.343,61 euros en reparar a ponte de Sendín e dende o Concello trataremos de mellorar o firme no futuro a través dalgunha liña de axuda ou incluso con algún convenio de colaboración, que tamén lle pediremos á Deputación de Lugo, posto que nós representamos a todos veciños, de calquera cor política. Cremos que non soamente deben asinar convenios con aqueles concellos que son da mesma cor política”.

E a rexedora rematou destacando que “como consecuencia da presión que o Concello de Lourenzá fixo por cambiar a titularidade destas dúas estradas a Deputación de Lugo está arranxando a LU-2801, que descoñecía que se atopaba en mal estado e grazas a ese informe que nos mandaron, onde nos dicían que tíñamos que entregar a nosa en perfecto estado, dende o Concello puxemos no seu coñecemento a existencia de varios baches. Eses traballos estaos facendo a día de hoxe da Deputación de Lugo e damos grazas que sexa por esa presión que o fixo goberno do Concello de Lourenzá”.